Deputación de Lugo

Cervantes acolle o martes a segunda Masterclass de Cociña Autóctona da Deputación, dedicada ós produtos de panadería

Imaxe deputación de lugo
A mestra panadeira María Jesusa Núñez, con máis de 20 anos de traxectoria á fronte da Panadería Os Ancares, descubrirá os seus segredos de cociña nunha clase de 4 horasA iniciativa do organismo provincial busca fomentar entre o sector hostaleiro e os veciños en xeral o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos e como atractivo turístico, o que impulsará o sector agroalimentario e o ocio gastronómico As prazas son limitadas, polo que os interesados en apuntarse deben facelo canto antes no 982-22-13-47 ou en lugo2@deputacionlugo.org Despois da clase de Cervantes, a seguinte terá lugar o día 16 en Monforte de Lemos

Tras a estrea en Chantada das Masterclass de Cociña Autóctona organizadas pola Deputación de Lugo para potenciar a comercialización e consumo dos produtos propios da provincia, a segunda xornada deste innovador programa terá lugar o vindeiro martes en San Román de Cervantes e estará dedicada á panadería. A mestra panadeira María Jesusa Núñez, con máis de 20 anos de traxectoria á fronte da Panadería Os Ancares, descubrirá os seus segredos de cociña nunha clase de 4 horas de duración. Entre as 16:30 e as 20:30 horas, os participantes elaborarán bolos de mestura, empanada do país, bolos preñados de chourizo picante e keike de froitos secos da zona.

As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deben anotarse canto antes chamando ó número de teléfono 982-22-13-47, onde serán atendidas de 10:00 a 14:00 horas, ou enviando un correo electrónico a lugo2@deputacionlugo.org

Despois da masterclass de Cervantes, a seguinte terá lugar o 18 de xullo en Monforte de Lemos, no restaurante Manuel Bistró, un establecemento de recente apertura na cidade do Cabe. As seis xornadas restantes terán lugar ó longo do que resta de ano noutros tantos establecementos da provincia, en función dos produtos de tempada.

O programa, financiado nun 80% por fondos europeos a través do plan Lug02, está dirixido principalmente a profesionais do sector hostaleiro e estudantes do ramo, aínda que tamén poden participar veciños en xeral interesados, entre os que se trata de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos e menús como atractivo turístico descubríndolles todas a súas posibilidades culinarias, o que redundará nun impulso do sector agroalimentario e do lecer gastronómico. O proxecto forma parte da decidida aposta da Deputación pola economía medioambiental como oportunidade de futuro para a provincia de Lugo, capaz de xerar riqueza e emprego.

Ata o mes de decembro, cociñeiros e artesáns cunha longa traxectoria profesional impartirán en establecementos de toda a provincia os obradoiros prácticos, de catro horas de duración cada un, nos que os participantes aprenderán a cociñar varias receitas.

Nas clases utilizaranse produtos autóctonos –hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros-, principalmente aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada pola Deputación, e os ofertados na plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, tamén impulsada polo organismo provincial co fin de crear unha imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización ás PEMES e autónomos lucenses.