Deputación de Lugo

Gómez Besteiro defende a prioridade social sobre a económica no proceso de Tablicia

O Presidente da Deputación mantivo un encontro con representantes do que foi o comité de empresa para coñecer polo miúdo a postura destes traballadores ante o novo proceso que afrontará a factoría de Nadela este lunsO titular provincial remarcou que “ante a nula implicación da Xunta” para manter os 2.000 empregos de Tablicia e Alimentos Lácteos, “é máis importante que nunca defender a finalidade social das empresas fronte ós prezos”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, defende que se priorice “o proxecto social” de Tablicia fronte ó económica no proceso que afrontará este luns a factoría de Nadela. Tras manter un encontro con representantes do que foi o comité de empresa e coñecer polo miúdo a postura destes traballadores, Gómez Besteiro remarcou a necesidade de avaliar o que “socialmente” significa Tablicia para Lugo.

Neste senso, o titular provincial lembrou os máis de 1.000 postos de emprego directos e indirectos que é capaz de xerar esta factoría na provincia, tal e como o demostrou facer mentres estivo a pleno rendemento, para logo engadir que “aproveitando a riqueza forestal de Lugo é posible garantir, non só o futuro desta factoría, senón o de polo menos un milleiro de familias lucenses que poderían vivir en Lugo da súa actividade, dende aserradeiros, maderistas ou transportistas”. Como mostra das “oportunidades sociais de Tablicia”, Gómez Besteiro salientou que Lugo é a provincia de maior importancia forestal na Comunidade, ó concentrar o 35% do total da superficie galega de monte arborado, con 500.000 hectáreas.

“Nula implicación”

O máximo mandatario provincial remarcou que logo da “nula implicación da Xunta, que, ó igual que acontece con Alimentos Lácteos, non foi quen de liderar un proxecto para manter a que foi a unha das empresas máis importantes no tecido industrial e empresarial lucense, é máis importante que nunca ter en conta a finalidade social das nosas empresas fronte ós prezos”. Gómez Besteiro lembrou que en novembro do 2012 a Deputación instou ó Goberno galego a “implicarse de xeito inmediato” no futuro de Tablicia e Alimentos Lácteos ante a extrema situación que afrontaban estas entidades, aprobando unha moción no Pleno coa que se lle esixía á que é a principal administración galega con competencias directas no sector industrial “respostas claras e inmediatas” para evitar o desmantelamento destas empresas, das que dependían 2.000 familias lucenses, priorizando a súa finalidade social.