Deputación de Lugo

O Deputado de Deportes recibiu en San Marcos aos integrantes do Campus de Verán Álex Llorca

- Rivera Capón felicitou ao xogador e aos membros da organización por “levar a cabo unha actividade que, non só fomenta o deporte entre os rapaces, senón tamén valores como o compañeirismo ou a superación persoal” - O Pazo Provincial dos Deportes acolle dende o luns e ata o vindeiro domingo o campus no que participan máis de cen rapaces - A actividade conta ademais con Mateo Rubio, ex membro do corpo técnico da selección española, como director técnico

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, recibiu este xoves no salón de actos da Deputación aos participantes da primeira edición do Campus de Verán Álex Llorca. Son máis de cen rapaces nacidos entre os anos 1999 e 2008, que dende o pasado luns están a gozar dun amplo programa de actividades no Pazo Provincial dos Deportes e as piscinas municipais de Frigsa.

Rivera Capón aproveitou a ocasión para felicitar ao ex xogador do CB Breogán e aos membros da organización por “levar a cabo unha actividade que, non só fomenta o deporte entre os rapaces e rapazas da cidade, senón tamén valores como o compañeirismo ou a superación persoal”. “Durante unha semana, os participantes teñen a oportunidade de aprender e mellorar conceptos técnicos e tácticos da man dunha das figuras emerxentes do baloncesto nacional”, engadiu.

Pola súa parte, Álex Llorca, actual xogador do CB Fuenlabrada de ACB, quixo devolver o agradecemento á Deputación “xa que coa súa colaboración, xunto con outras entidades, está a facer posible esta primeira edición do campus, que desexamos se manteña no tempo e poidamos repetir nos vindeiros anos”.
Entre o corpo técnico do campus, ademais de Álex Llorca, un dos ídolos da afección celeste, atópanse destacadas personalidades do mundo da canastra como Mateo Rubio, ex seleccionador nacional e actual adestrador en Liga Eba e director deportivo do CB Sant Feliu; Juan Norat, xefe de canteira e adestrador en Liga Eba no Club Ourense Baloncesto; ou Diego Fernández, entrenador do Santo Domingo de Betanzos; ademáis de técnicos locais como Gemma Souto, adestradora do Franciscanos Lugo; Miguel López, adestrador do Ensino Lugo; e Nico Fernández, adestrador do Cidade de Lugo.

Programación diaria
09:30 horas.- Almorzo
10:30 horas.- Adestramento técnico
11:45 horas.- Snack
12:15 horas.- Adestramento táctico, toma de decisións
14:00 horas.- Comida
16:00 horas.- Adestramento Táctico aplicado a situacións de xogo
17:30 horas.- Merenda
18:00 horas.- Competicións
20:30 horas.- Cea
22:00 horas.- Tecnificación/vídeo/charlas formativas/actividade tempo libre
23:30 horas.- Descanso

Metodoloxía
Os integrantes do campus atópanse divididos en tres niveis, para establecer as pautas de traballo:

Para os máis pequenos e iniciados no baloncesto, utilizan un método lúdico a través do cal ir introducindo os elementos técnicos do xogo e o uso dos espazos.

Con xogadores con máis experiencia traballan desde un método máis analítico para mellorar os fundamentos básicos. Tiro, bote e pase. Tamén algo de defensa. Pero insistindo en cousas básicas como o equilibrio ou o uso do corpo.  Finalmente, para os mellores xogadores utilizan un método individualizado. Algúns necesitan máis analítico para puír un detalle e outros necesitan algo máis xenérico porque lles falla desde base. Pero xa con estes traballan desde situacións de xogo e desde o auto adestramento para que sexan capaces de irse do campus sabendo perfectamente que deben mellorar e como.