Deputación de Lugo

Aberto o prazo para solicitar o plan Sateliz@ate, que dotará gratis de acceso a Internet a 800 veciños, asociacións e PEMES do rural

Os interesados poden dirixirse ó 982-26-02-02 ou a www.satelizate.deputacionlugo.org ata o 31 de agosto para pedir as axudas, “un novo esforzo da Deputación por mellorar a calidade de vida dos veciños e impulsar a economía da provincia coas TIC”, subliñou o Presidente Cada beneficiario recibirá unha unha subvención que cubrirá o 100% do custe da instalación da antena e o equipamento preciso para a conexión, ademais de garantir prezos vantaxosos para o mantemento do servizo, que debe asumir o usuario Besteiro estivo hoxe cunha familia de Vila Reguenga, en Paradela, que ten instalado un servizo deste tipo, o que lles supuxo un “gran cambio” na súa vida diaria: “agora podemos facer compras, vendas e todo tipo de trámites cunha conexión rápida e de calidade”

A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo para solicitar o plan Sateliz@te, unha iniciativa a través da que dotará gratis de conexión vía satélite a Internet a uns 800 veciños, asociacións e PEMES do rural da provincia situados en zonas de sombra, é dicir, onde non poden contar con outro tipo de cobertura. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que os interesados poderán chamar ó 982-26-02-02 ou entrar na web www.satelizate.deputacionlugo.org ata o vindeiro 31 de agosto para pedir as axudas, “un novo esforzo da Deputación por estender o uso das novas tecnoloxías da provincia co dobre obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e impulsar o desenvolvemento económico para crear emprego e fixar poboación”. A apertura da convocatoria tamén sae publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Gómez Besteiro fixo estas declaracións en Vila Reguenga, na parroquia de San Martiño de Castro, en Paradela, onde estivo cunha familia que conta xa dende hai dous anos con conexión vía satélite a Internet, un servizo que supuxo “un gran cambio” na súa vida diaria, tal e como destacou Carlos López Arias, un dos residentes na vivenda. Este veciño de Paradela deixou patente as enormes vantaxes que supón este tipo de instalación para a xente do rural: “Estabamos pagando por un servizo do que realmente non dispoñiamos porque o acceso á rede era moi lento. Hoxe, coa antena vía satélite, usamos moito Internet porque podemos facer compras, vendas, trámites relacionados coa nosa explotación gandeira e acceder a todo tipo de información cunha conexión rápida e de calidade. Ademais, resúltanos moi útil para os rapaces, que están estudando”.

Cuberto o 100% da instalación

Tal e como explicou o Presidente, cada beneficiario do programa Sateliz@te recibirá unha axuda que cubrirá o 100% do custe da antena, a súa instalación e os equipamentos precisos para a conexión á rede de banda longa, como pode ser un router. A contía máxima de cada subvención será de 500 euros. O usuario deberá asumir despois o mantemento do servizo, aínda que a Deputación garantirá tarifas vantaxosas, pois pactou os prezos subministro operadoras de telecomunicacións. A velocidade de Internet da que dispoñerán será dun mínimo de 2 Mb, mentres que o máximo dependerá do tipo de contrato que o usuario formalice coas empresas colaboradoras coas que contará a institución luguesa, aínda que podería chegar ós 20 Mb.

Os destinatarios das axudas poden ser particulares, asociacións sen ánimo de lucro, ou ben pequenas e medianas empresas, que residan ou desenvolvan a súa actividade na zona rural da provincia, é dicir, todo o territorio lucense, a excepción do perímetro urbano definido como tal no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, e que non dispoñan de cobertura de banda longa de polo menos 2 megas mediante outra tecnoloxía.

Dado que o orzamento total do plan de acceso a Internet rural Sateliz@te é de 385.000 euros e que a contía de cada subvención non superará os 500 euros, os beneficiarios poderán ser un mínimo de 770 particulares ou entidades.

Asesoramento personalizado e in situ

A empresa adxudicataria deste proxecto ocuparase de ofrecer, primeiro, asesoramento personalizado e in situ a todos os interesados nesta programación e, posteriormente, dotará e instalará o equipamento necesario para acceder á Rede. É dicir, de xeito novidoso, esta entidade aforrará tempo e cartos ós cidadáns, ó asumir todas as xestións administrativas para a tramitación das solicitudes.

Para elo, na vindeira quincena, cando se abra o prazo de inscrición, tamén se facilitará un número de teléfono da empresa, ó acceso de todos os interesados na páxina web da Deputación. “Polo tanto, con só unha chamada, esta entidade desprazarase ó domicilio do interesado para coñecer, de xeito individualizado, se cumpre cos requisitos -por exemplo, residir en zonas de sombra-, aclarar calquera dúbida sobre esta programación, entregar o formulario de inscrición ou colaborar na súa cumplimentación. En definitiva, asumirá o proceso de tramitación de todos os solicitantes, aforrándolles tempo e cartos.

Executado en decembro

En setembro resolverase o proceso de selección dos beneficiados do Sateliz@ate para, neste mesmo mes, iniciar a súa execución. A empresa adxudicataria dotará e instalará entón todo o material necesario, finalizando a totalidade destas actuación antes de finais deste ano.

“Paliamos o déficit de infraestruturas tecnolóxicas”

Con esta iniciativa, a Deputación contribúe “a paliar o déficit de infraestruturas tecnolóxicas ó que historicamente se veu sometida esta provincia, que, de feito, é, de entre as catro galegas, a que peores datos amosa en cobertura de banda longa”, asegurou o Presidente, subliñando ó mesmo tempo as “importantes actuacións” que veu desenvolvendo a institución luguesa nos 6 últimos anos para corrixir esta situación.

Lembrou, neste senso, proxectos emblemáticos, como o Innova-TE, financiado pola Unión Europea e do se está a desenvolver unha segunda fase dotada con 15 millóns de euros de orzamento; o Parnet-TIC, un plan tamén financiado pola UE que xa rematou, encamiñado a potenciar os uso das TIC no medio rural; e o Centro de Innovación Social In Lugo, tamén dirixido a difundir as vantaxes da utilización das novas tecnoloxías para a vida persoal e profesional.

De feito, tal e como destacou Gómez Besteiro, potenciar o uso das novas tecnoloxías é unha das estratexias da Deputación porque “melloran a calidade de vida e o benestar dos cidadáns; garanten un desenvolvemento equilibrado do territorio; e fortalecen o tecido empresarial, xa que aumentan a competitividade e produtividade das empresas, ademais de facilitar o seu funcionamento e axilizar a súa posta en marcha”. O acceso ás TIC é particularmente importante nas zonas rurais, pois evita o illamento e favorece a posta en marcha e funcionamento de novas iniciativas empresariais, que contribúen a fixar poboación.