Deputación de Lugo

Ramón Piñeiro convértese en fillo predilecto de Láncara, a vila que o viu crecer

Imaxe deputación de lugo
Ramón Piñeiro, o pediatra José Peña Guitián, o toureiro Alfonso Cela Vieito ‘Celita” e o empresario Luis Fernando Quiroga y Piñeyro son os catro homenaxeados na xornada. Os tres primeros serán nomeados Fillos Predilectos do concello e, Quiroga y Piñeyro, Fillo Adoptivo.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quixo estar presente hoxe no acto que se celebrou en Láncara onde se lle rendeu homenaxe ó literato Ramón Piñeiro. Na xornada, tamén se fixo entrega de 3 títulos máis a figuras que tiveron unha relevancia notable nas súas carreiras profesionais, como é o caso do doutor especialista en pediatría, José Peña Guitián.

No evento celebrado na vila da comarca de Sarria estiveron presentes familiares de Piñeiro para formar parte deste acto que recoñece a importancia da súa figura na historia do país. O premio honorífico o que pon de manifesto é que Piñeiro, natural de Láncara, foi un dos persoeiros máis representativos da historia do século XX. Piñeiro demostrou dende ben novo o seu compromiso coa lingua e coa cultura da terra. Esta inquedanza fai que Piñeiro se relacione con personaxes como Castelao ou Alexandre Bóveda. O lucense pasou a formar parte das primeiras asociación políticas e movementos socioculturais que xurdiron logo da guerra civil, sendo no ano 1944 cando o intelectual lugués participa de xeito clandestino na reorganización do galeguismo dende París, onde permanece exiliado. Logo de estar no cárcere, no 1950, funda unha das editoriais con máis peso no mundo da literatura galega, a editorial Galaxia.

Gomez Besteiro salientou que a figura de Piñeiro é de grande importancia na historia de Galicia afirmando que “a loita polos dereitos políticos, culturais e sociais dos galegos determinaron a vida do lucense que se dedicar a tempo completo a proxectar e difundir a verdadeira esencia do que significa ser galego” e que isto “é algo que lle debemos ó lucense”.


Outro dos persoeiros ós que se lle da o recoñecemento de Fillo Predilecto, neste caso, en vida, é o Doutor José Peña Guitián. O médico especialista en pediatría é un dos máximos expoñentes da medicina pediátrica moderna e tamén é coñecido como pai da pediatría en Galicia. Este doutor que se converteu en profesor de medicina na Universidade de Santiago de Compostela aparece citado no manual Nelson, libro de referencia na medicina pediátrica. Nos últimos anos o lucense foi galardoado e homenaxeado en varias ocasións; destacando a medalla de ouro que lle entregou o Colexio Profesional de Médicos no ano 2012 onde se recoñecen os seus sesenta anos dedicados á medicina, ó estudo, á investigación e á docencia.

O Presidente da Deputación, Gómez Besteiro, afirma que “ O Dr. José Peña Guitián debe ser exemplo para todos nós, pola súa dedicación á medicina e ó interese común ” e que “ grazas a él a medicina, tanto no caso Galego, como no estatal, evolucionou a pasos axigantados”. O mandatario provincial tamén salientou que “os galegos non podían ter mellor representación no mundo da medicina que o Dr. Peña Guitián”.

Na sesión tamén se lle ofreceu o título de Fillo Predilecto ó toureiro da vila Alfonso Cela Vieito máis coñecido como “Celita”. A vila de Láncara nomea tamén ó empresario Luís Fernando Quiroga y Piñeyro como Fillo Adoptivo da vila, pola importancia da súa figura na zona de Láncara.