Deputación de Lugo

Éxito de participación na charla gratuíta de Fernando Trías de Bes na Deputación

Máis de 100 cidadáns encheron o Salón de Actos do Pazo de San Marcos para escoitar os consellos sobre creatividade do prestixioso economista e experto en márqueting A conferencia foi retransmitida en streaming a través da páxina web da Deputación, que rexistrou un importante número de visitas para ver o evento en InternetA seguinte charla, que ofrece gratuitamente o organismo provincial dentro do programa europeo Innova-TE, será a de Emilio Duró, experto en intelixencia emocional

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este mércores a conferencia gratuíta e aberta ó publico que Fernando Trías de Bes ofreceu no Pazo de San Marcos. Máis de 100 persoas acudiron á charla, incluída no programa europeo Innova-TE, que fomenta o uso das novas tecnoloxías entre os cidadáns e as empresas lucenses para facelas máis competitivas. Gómez Besteiro recalcou que as conferencias forman parte da “nosa aposta por abrir a Deputación ós cidadáns e facelos partícipes de iniciativas que redunden no seu beneficio, para potenciar un Goberno aberto no que as novas tecnoloxías cumpren un papel fundamental na comunicación entre a administración e os veciños”.

Ademais das 100 persoas que seguiron a charla de modo presencial no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, un gran número de cidadáns conectáronse á páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.org, para seguir a conferencia a través de streaming. Como en anteriores ocasiones, a Fundación TIC encargouse da súa retransmisión, acadando importantes picos de persoas conectadas a un tempo o que fortalece a presenza da institución lucense e a confirma como unha das máis activas de España en Internet.

Rematada a charla, e tras atender ás preguntas dos asistentes, Trías de Bes, asinou exemplares dos seus libros, especialmente da súa última obra “El gran cambio”, no que reflexiona sobre a situación política e económica actual.

Ó abeiro do Innova-TE, a institución luguesa celebrará antes de rematar o ano outra xornada gratuíta e aberta. Nesta ocasión, visitará a Deputación Emilio Duró, un dos maiores expertos en liderado e xestión da intelixencia emocional, que falará da importancia de ser optimistas en tempos de cambio.

Fernando Trías de Bes

Fernando Trías de Bes naceu en Barcelona en 1967. Cursou Ciencias Empresariais e MBA en ESADE e na Universidade de Michigan. É experto en márqueting e innovación e autor de numerosos ensaios e libros de ficción. Trías de Bes mantén colaboracións con numerosos medios de comunicación, atopando traballos seus na actualidade no suplemento económico de La Vanguardia. Recibiu numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Shinpukai (Xapón, 2005) ou o Premio De Hoy de ensayo (España, 2009), ademais de ser un destacado escritor de ficción.