Deputación de Lugo

Expertos galegos abordan mañá a situación da banca nunha xornada aberta e gratuíta na Deputación

Imaxe deputación de lugo
É un novo debate do ciclo Galicia en clave económica, organizado polo organismo provincial e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, que terá lugar este xoves, ás 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos Jesús Méndez, Antonio Grandío Dopico e Xoan Antón Pérez Lema, analizarán o actual mapa bancario galego e responderán ás cuestións que plantexen os participantes

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá mañá, ás 19:30 horas, unha nova xornada do ciclo Galicia en clave económica, que organiza a Deputación e Economía Dixital, coa colaboración do Grupo El Progreso. Trátase dun debate aberto ó público e gratuíto, na que expertos galegos abordarán a situación actual da banca e responderán as cuestións que plantexen os participantes. O seu obxectivo é buscar alternativas e solucións fronte á crise, implicando á cidadanía.

O director xeral da Caixa Rural Galega, Jesús Méndez; o catedrático da Escola de Estudos Empresariais da Universidade da Coruña, Antonio Grandío Dopico; e o avogado e portavoz da Asociación Galega de Afectados por Produtos Financeiros, Xoán Antón Pérez Lema, serán os poñentes. Nas súas intervencións, abordarán o mapa bancario dende diferentes perspectivas: Jesús Méndez, dende a súa experiencia profesional en Caixa Rural Galega –é a única entidade de capital galego, neste caso cooperativo, que segue en funcionamento, trala venta de Pastor, Etcheverría, Gallego e NCG-; Antonio Grandío, dende unha perspectiva académica, aínda que tendo en conta que foi executivo do Banco Pastor durante moitos anos; Xoán Antón Pérez Lema, dende a visión dos consumidores.

Novos debates

A cita deste xoves enmárcase no ciclo de debates Galicia en Clave Económica, que comprende a celebración de 5 encontros, dos que xa se celebrou un no mes de xuño. Naquela ocasión, expertos do ámbito económico e empresarial trataron as claves dun modelo produtivo de futuro para a Comunidade, as potencialidades sen explotar da súa economía, e os novos sectores emerxentes. Nos vindeiros meses, haberá outras 3 citas, nas que se afondará sobre o paro e os xacementos de emprego, as fortalezas e debilidades do sector primario, e o papel dos sectores público e privado. A diferencia doutros encontros con expertos, as charlas organizadas por Deputación e Economía Dixital, coa colaboración de El Progreso, son abertas á participación e totalmente gratuítas.