Deputación de Lugo

Deputación e Concello impulsan a riqueza tradicional da provincia na 3ª edición do Encontro de Ferreiros da Fonsagrada

Polín e Fernández Queipo presentaron o evento que os días 13, 14 e 15 de setembro homenaxeará á trompa, instrumento musical típico, con demostracións en vivo de ferreiros Profesionais do CENTRAD ofrecerán na localidade un curso gratuíto de iniciación á interpretación da trompa, que se complementará con outro sobre a súa construción

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentaron esta mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos unha nova edición do Encontro de Ferreiros, que reunirá a ducias destes artesáns na localidade os días 13, 14 e 15 de setembro. Os profesionais presentes neste evento, impulsado por Deputación, Concello da Fonsagrada e a Asociación Cultural de Ferreiros da Fonsagrada, terán coma eixe temático nesta ocasión á trompa, instrumento musical típico da zona, ó que ademais se renderá homenaxe coa escultura que elaborarán en vivo os ferreiros e que quedará instalada na localidade.

Regina Polín destacou que “continuamos traballando para poñer en valor os nosos oficios tradicionais, elemento diferenciador da provincia, capaz de xerar riqueza e postos de traballo, especialmente no rural”. A Deputada salientou que “con este tipo de eventos colaboramos a preservar un oficio hoxe case desaparecido, pero que aínda pode ofrecer moitas alternativas de futuro, como na realización de obxectos decorativos para o fogar ou de elementos ornamentais empregados na dotación de espazos públicos”

Pola súa banda, Argelio Fernández Queipo agradeceu á Deputación a súa preocupación por que a tradición se convirta en proxección de futuro e nunha fonte adicional de ingresos para a zona, poñendo coma perfecto exemplo o Encontro de Ferreiros desta fin de semana.

Durante o acto de presentación un ferreiro de ampla experiencia na elaboración da trompa, Oliverio Álvarez López, explicou a importancia do instrumento, así como da súa elaboración artesanal por parte dos ferreiros nas últimas décadas, e agradeceu o apoio da Deputación e do resto de organizadores e colaboradores nesta iniciativa, que “queda establecida como base para ensinarlle ás novas xeracións as tradicións da zona para que non se perdan”.

Programación das xornadas

A xornada arrincará o día 13 de setembro ás 12:00 horas no CEIP Santa María da Fonsagrada, onde os visitantes poderán admirar en vivo ós ferreiros que traballarán durante as tres xornadas do evento na elaboración dunha escultura con forma de trompa. Esta quedará instalada definitivamente na localidade fonsagradina, coma homenaxe a tradición cultural da zona, que este instrumento representa á perfección. O acto de colocación da escultura terá lugar o día 15, ó igual que a entrega de obsequios ós ferreiros, dando así por concluída a celebración.

Formación para conservar a tradición

As actividades previstas tamén inclúen un curso de iniciación á interpretación da trompa, que impartirán os profesionais do Centro de Artesanía e Deseño desprazados ata a localidade e que se desenvolverá no Centro da Asociación de Ferreiros da Fonsagrada durante os tres días, co seguinte horario: o venres día 13, de 17:00 a 20:00 horas; o sábado 14, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e o domingo de 11:00 a 14:00 horas.

Ademais, o Concello, en colaboración co CENTRAD e coa Asociación de Ferreiros, organiza un curso de construción de trompas, para complementar a formación dos participantes. O curso está pensado para a xente da zona, co fin de manter e potenciar as tradicións da súa elaboración e interpretación. O curso de construción do instrumento desenvolverase dende a vindeira semana ata final de ano, repartido en dúas quendas, dous días por semana. Estará impartido por un ferreiro da zona e tamén se celebrará no Centro da Asociación de Ferreiros da Fonsagrada.

Ambos cursos son totalmente gratuítos, aportando o CENTRAD tanto o traballo dos seus profesionais, coma os materiais necesarios e instrumentos propios da súa colección.