Deputación de Lugo

Eduardo Punset falará este xoves na Deputación sobre como ser felices e enfrontarse ós retos do século XXI

- A Deputación trae por primeira vez en Lugo ó comunicador dentro da súa aposta polas novas tecnoloxías e coa intención de ser máis útil para o cidadán-Para asistir é preciso apuntarse con anterioridade na web www.deputacionlugo.org, ainda que tamén será retransmitido en streaming pola Fundación TIC- As charlas abertas continuarán coas visitas de Emilio Duró e Fernando Trias de Bes que falarán sobre intelixencia emocional e emprendemento

A Deputación achega por primeira vez a Lugo ó comunicador Eduardo Punset quen falará sobre os retos ós que se enfronta a cidadanía no século XXI. Punset visitará o vindeiro xoves, 26 de setembro, a institución provincial invitado polo Presidente, quen traballou nos últimos dous anos por traelo na que será a súa primeira visita a Lugo.

Esta charla enmárcase dentro da aposta do Presidente "por seguir abrindo a Deputación ós cidadáns, facéndoa útil e potenciando o goberno aberto, no que as novas tecnoloxías cumpren un papel fundamental na comunicación entre a institución e a cidadanía”.

A conferencia, que terá lugar ás 19:00 horas, é gratuíta e aberta ó público que deberá inscribirse con anterioridade a través da páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org, a partir deste luns. Seguirase un riguroso orde de inscripción, enchendo en primeiro lugar o Salón de Actos, onde falará Punset, e a continuación o salón de plenos, onde poderán seguir a charla mediante pantallas. Cando remate o acto, o autor tamén asinará exemplares do seu último libro El sueño de Alicia. Na páxina web da Deputación xa está habilitado un espazo con toda a información sobre o evento e os datos do invitado.

Tendo en conta o poder de convocatoria do autor a charla de Punset será retransmitida en streaming a través da páxina da Deputación, grazas á Fundación TIC que se encargará de toda a instalación técnica.

Cofinanciado con fondos europeos
A iniciativa enmárcase dentro do programa InnovaTE-2 empresa que está a executar a institución provincial e finánciase con fondos europeos nun 80%. Este programa comprende varias accións para animar ás empresas lucenses a empregar as Tecnoloxías da Comunicación para mellorar os seus negocios. Innova-TE2 implica á toda a cidadanía no coñecemento das posibilidades das novas tecnoloxías, polo que o programa comprende tamén tres ponencias con persoeiros de recoñecido prestixio no ámbito da innovación. Punset explicará, na súa intervención cómo as empresas deben afrontar unha nova situación na que se abren novas posibilidades de negocio.

Eduardo Punset Casals (Barcelona, 1936) é avogado, economista e comunicador científico. É licenciado en Dereito pola Universidad de Madrid e máster en Ciencias Económicas pola Universidad de Londres. Traballou como redactor económico da cadea BBC, director económico da edición para América Latina do semanario The Economist e economista do Fondo Monetario Internacional nos Estados Unidos de América e en Haití. Como especialista en temas de impacto das novas tecnoloxías, foi asesor de COTEC, profesor conselleiro de Marketing Internacional en ESADE, presidente do Instituto Tecnológico Bull, profesor de Innovación e Tecnoloxía do Instituto de Empresa (Madrid), presidente de Enher, subdirector xeral de Estudos Económicos e Financieros do Banco Hispanoamericano e Coordinador do Plan Estratégico para la Sociedad de la Información en Cataluña.

Aportación doutros expertos e o exemplo de empresas
Dentro do mesmo programa e antes que remate o ano celebraranse outras dúas charlas con expertos. Emilio Duró é un dos maiores expertos en liderado e xestión da intelixencia emocional, así que falará da importancia de ser optimistas en tempos e cambio. Fernando Trias de Bes é un escritor e economista especializado en márketing, creatividade e innovación. As citas tamén serán de participación libre e gratuita.

Son varias as empresas lucenses que empregan as TICs para sacarlle o máximo partido ós seus negocios. O programa da Deputación achega o seu exemplo a outros emprendedores para que teñan unha perspectiva ampla das posibilidades das novas tecnoloxías.