Deputación de Lugo

A Deputación doa sete xovencas preñadas da Granxa Gayoso Castro para a Feira de gando de A Fonsagrada

Imaxe deputación de lugo
Este sábado celebrarase o XXXVIII Concurso de Gando Vacún cunha subasta de ACRUGA de xovencas de Rubia GalegaO Deputado provincial, Manolo Martínez, acudirá á subasta destas xovencas que contan con extraordinarias condicións xenéticas, morfolóxicas e reprodutivasA colaboración da Deputación enmárcase dentro do convenio que o organismo provincial mantén con ACRUGA dende 2007 para expandir a raza

A Deputación doa sete xovencas da Granxa Gayoso Castro para participar no Concurso de Gando Vacún que se celebra este sábado na Fonsagrada como parte da programación das súas festas patronais. O certame da Fonsagrada conta cun gran prestixio entre os produtores chegando este ano á súa XXVIII edición.

Para o certame, o organismo provincial doa sete xovencas do rabaño de elite da Granxa Gayoso Castro, dentro do convenio de colaboración que a Deputación mantén dende 2007 con ACRUGA para expandir a raza. A alta calidade xenética e morfolóxica das reses da institución provincial supón un valor engadido para o certame. Os exemplares, de entre 19 e 22 meses de idade terán un prezo de saída de 1.800 euros, a poxa comezará a partir das 12.30 horas.

No centro de recría da Granxa Gayoso Castro, a Deputación de Lugo e ACRUGA traballan conxuntamente dende hai anos na recría dun rabaño de elite, pra promover a expansión e a mellora da raza rubia galega. A subasta de xovencas deste centro é unha das máis importantes actividades coa que contribúen a este labor de promoción.

Colaboración da Deputación

A Deputación e a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega manteñen dende hai 6 anos un convenio de colaboración para a expansión da raza. A través deste acordo, ACRUGA deposita nas instalacións de Castro de Rei un número de xovencas que son mercadas ós gandeiros e logo véndense a outros puntos do territorio nacional. De feito, a de Lugo é a única Deputación de Galicia que ten unha colaboración deste tipo a e a única administración de España. Dende a sinatura do convenio estase a crear un rabaño de elite coas mellores reses para dar resposta a demanda de reses de calidade por parte dos gandeiros. Na actualidade o rabaño da Deputación alcanza os 215 exemplares, tralas últimas adquisicións pensando na maior demanda que xera esta época de subastas.