Deputación de Lugo

O Barco Muralla da Deputación de Lugo amosará a riqueza natural e cultural da provincia a centos de escolares lucenses

Esta iniciativa levará a ducias de colexios actividades pensadas para que os nenos aprendan a importancia de preservar o medio e o patrimonio histórico e etnográfico lucenseO Barco Muralla estará esta fin de semana na Feira do Mel de O Valadouro, tras a súa parada en Samos e Sarria, e antes de partir cara o CEIP de Antas de Ulla a vindeira semanaMáis de 10.000 persoas coñeceron os segredos da provincia que agocha a embarcación dende o pasado mes de setembro, 3.000 das cales o fixeron durante os meses de verán

A Deputación de Lugo levará o Barco Muralla a ducias de colexios de toda a provincia para que centos de alumnos de educación primaria coñezan un pouco máis acerca do patrimonio natural e cultural lucense. Esta orixinal aula recalará en numerosos centros escolares durante os meses de outono e inverno, logo de ter percorrido durante o pasado verán multitude de Concellos lucenses, onde achegou a milleiros de visitantes os recursos naturais e patrimoniais da provincia.

A institución provincial ofrecerá actividades lúdicas pensadas para alumnos dende educación infantil ata 6º de primaria, coas que os nenos coñecerán a diversidade da flora, fauna e ecosistemas da provincia, e aprenderán a importancia de preservar esta riqueza, ó tempo que lles achegará dous símbolos lucenses, a Muralla romana de Lugo e a Mariña, aínda descoñecidas por moitos rapaces. As actividades céntranse en temas contemplados nos temarios escolares para alumnos de primaria, que os inclúen coma os chamados “contidos transversais”, de xeito que co Barco ofrécelles un xeito divertido de aprendelos.

A instalación está ambientada como os barcos da Mariña, con aparellos náuticos que de xeito gratuíto cederon as confradías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. Así mesmo, o Barco conta con diverso material informativo sobre as Reservas da Biosfera e sobre iniciativas empresariais e formativas relacionadas co medioambiente. A Fundación TIC, organismo dependente da Deputación, foi a encargada de editar os vídeos que amosan todo o potencial medioambiental da provincia.

A fin de semana, no Valadouro

O Barco Muralla vén de recalar en Sarria e Samos, onde foi visitado polos rapaces dos CEIP destas localidades e ata onde tamén se achegaron os nenos do de Triacastela. Tras esta exitosa parada, esta fin de semana trasladarse ata O Valadouro, onde coincidirá coa celebración da Feira do Mel desta localidade, retornando a vindeira semana á súa ruta polos colexios, visitando o CEIP de Antas de Ulla.

Todos os centros escolares da provincia foron convidados a participar, tendo xa previstas na súa axenda moitas visitas. De calquera xeito, aínda restan algunhas datas libres, polo que os colexios interesados en participar poden sumarse a esta iniciativa didáctica poñéndose en contacto cos responsables da organización no teléfono 982-260-046.

Éxito de convocatoria

Preto de 10.000 persoas achegáronse ata a embarcación nos últimos 12 meses -3.000 deles só nos meses de verán-, para coñecer a través do numeroso material didáctico toda a riqueza medioambiental lucense. Moitos destes visitantes visitaron a singular embarcación durante a celebración de importantes festexos nos diferentes Concellos nos que estivo, o que contribuíu favorablemente á afluencia de público.

O Barco Muralla é unha iniciativa enmarcada no programa Lug02, que conta cun orzamento de máis de 120.000 euros cofinanciado nun 80% por fondos europeos. Dende a Deputación consideran que o medio ambiente é unha importante oportunidade de negocio para os lucenses que, con iniciativas deste tipo, aprenden a coidar do seu patrimonio e xeran riqueza dun xeito sostible, de aí o empeño da entidade provincial por amosar tódalas posibilidades da natureza de Lugo.