Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Liga Santaballesa achegando a Vilalba unha mostra do mellor da artesanía da provincia

Regina Polín, acompañada de Isidro Cillero, inaugurou esta exposición dos fondos itinerantes do CENTRAD que se realiza en colaboración coa Liga SantaballesaA mostra está composta de nove traxes tradicionais, valorados en 25.000 euros e un cento de pezas de oleiría, cestería, vidro, ou madeira de artesáns da provinciaA exposición poderase visitar na Escola Habanera de Santaballa ata o 2 de novembro, onde tamén se pode ver mobiliario orixinal e pezas de principios do século XX

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou xunto co presidente da Liga Santaballesa, Isidro Cillero, unha colección de traxes tradicionais e artesanía que achega o CENTRAD á Escola Habanera de Santaballa, en Vilalba, que se poderá ver ata o vindeiro día 2 de novembro. A exposición amosa 9 traxes tradicionais dos fondos do CENTRAD, 7 de muller e dous de home, de gran valor. O valor rolda os 25.000 euros e forman parte da colección feita polos artesáns do CENTRAD inspirándose noutras pezas típicas de finais do século XIX.

Regina Polín destacou a importancia da colaboración con asociacións da provincia, como a Liga Santaballesa, para poñer en valor a artesanía tradicional e insistiu en que os fondos itinerantes do CENTRAD están a disposición das organizacións que os soliciten para ser desfrutados nas súas festas e actividades.

A colección que se amosa no local da Liga Santaballesa inclúe dous traxes de home e tres traxes de muller dos denominados “picados”. Ademais amósanse outros tres traxes de gala: un de parlamenta, un de capa e un clásico de mantelo e dengue. Todas as vestimentas teñen un importante valor artesanal xa que contan con detalles de cristais de swarovski, teas de fío, batistas e panos. Os maniquíes están vestidos con todo detalle e inclúen complementos como as cofias, os bonetes e os panos típicos.

Ademais dos traxes tradicionais, o CENTRAD achega a Santaballa unha mostra composta por 100 pezas representativas da artesanía da provincia. Son obxectos realizados por artesáns cesteiros, oleiros, artistas do vidro, da madeira ou da pedra.

A Liga Santaballesa organizou no seu local unha mostra ambientada nos inicios do século XIX, tempo do que data a edificación de estilo indiano e que acollía unha escola. A asociación conservou material de época como mobiliario e documentos que se pode ver no segundo piso. Estas exposicións poderanse coñecer as fins de semana ata o vindeiro día 2 de novembro ou concertar unha cita coa Liga Santaballesa para organizar a visita.