Deputación de Lugo

A Deputación aproba a programación dun novo plan de emprego para 1.000 lucenses en paro, que potencia os servizos sociais

É o Segundo Pacto Provincial polo Emprego, que inclúe 67 cursos formativos con prácticas remuneradas sobre os servizos necesarios para a atención a persoas dependentesCon esta nova iniciativa, a institución impulsa os empregos brancos -nicho de traballo na provincia- e combate o despoboamento coas solucións dos expertos do Lugo ReaccionaMáis de 400 veciños, asociacións e PEMES residentes en zonas de sobra do rural lugués contarán gratis con Internet mediante o Satelíz@te

A Xunta de Goberno aprobou este venres a programación dun novo plan de emprego para 1.000 lucenses en paro, que potencia os servizos de benestar social. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou que se trata do Segundo Pacto Provincial polo Emprego, que conta cun orzamento total de 4,1 millóns de euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo. Martínez explicou que “incrementamos o presuposto previsto para esta iniciativa, que estaba dotada de 3,5 millóns de euros, logo de que a Unión Europea premiase a xestión da Deputación, concedéndonos un novo orzamento de 600.000 euros”.

O novo plan de emprego da institución inclúe 67 cursos formativos, con prácticas remuneradas en empresas da provincia, do que se poderán beneficiar 1.000 lucenses desempregados co obxectivo de contribuír a súa inserción laboral.

Todas as accións formativas versan sobre os servizos necesarios para a atención a domicilio a persoas dependentes, potenciando o benestar social. “É un dos sectores que os expertos do Lugo Reacciona recomenda impulsar para combater o despoboamento demográfico”, subliñou o voceiro.

Os contidos dos cursos son: 38 sobre atención sociasanitaria a persoas dependentes no domicilio; 3 sobre transporte sanitario; 6 sobre limpeza e hixiene de superficies e mobiliario; 11 sobre operacións básicas de cociña; e 9 sobre asesoramento na función xerencial e no autoemprego para a creación de empresas.

“En definitiva, con estas accións formativas, fomentamos os empregos brancos, un dos nichos de traballo na provincia detectados polos expertos, para, non só loitar contra o paro, senón potenciar os servizos sociais ante o ataque da dereita de Feijóo e Rajoy”, remarcou Martínez.

Prazos e resultados

Aprobada a programación, a Deputación concretará as empresas onde se realizarán as prácticas e os lugares de celebración dos cursos, que se levarán por toda a provincia, como coa anterior programación. A previsión é poñer en marcha esta nova iniciativa a finais de ano ou comezos do 2014. A institución informará, puntualmente, dos vindeiros prazos de solicitude. A Deputación xa celebrou un primeiro Pacto Provincial polo Emprego, co que se formaron, de xeito totalmente gratuíto e nas profesións con máis futuro e Lugo, 700 lucenses en paro, acadando unha inserción laboral do 50%.

Satelíz@te

A sesión resolveu as axudas do Satelíz@te, sendo 432 os veciños, asociacións e PEMES do rural lugués ós que a Deputación dotará gratis de Internet vía satélite. Logo de ofrecer esta iniciativa a cidadáns de todos os Concellos, os beneficiados resultaron ser de 49 municipios, residentes en zonas de sombra, requisito do plan. Martínez explicou que estas zonas son as que non teñen cobertura “debido ó abandono da Xunta”, administración responsable en Galicia do acceso á Rede. Hai que ter en conta que Lugo é a provincia galega co maior número de zonas de sombras. Segundo datos oficiais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia, o 58% dos lucenses teñen dificultades para acceder á Internet, fronte ó 32% dos coruñeses, o 29% dos ourensáns e o 2% dos pontevedreses.

O Satelíz@te ofrece unha velocidade dun mínima de 2 megas, mentres que o máximo dependerá do tipo de contrato que o usuario formalice coas empresas colaboradoras, aínda que poderá chegar ós 20 megas. A instalación deste servizo non terá custe algún. A Deputación asume con 216.000 euros de fondos propios a dotación do equipamento preciso para a conexión á rede de banda longa, concedendo ós beneficiados axudas de 500 euros.

Posteriormente, os cidadáns deberán asumir o mantemento deste servizo. Non obstante, a Deputación garántelles tarifas vantaxosas, ó pactar os prezos polo subministro coas operadoras de telecomunicacións.

Resoltas as axudas, a Deputación iniciará os traballos de instalación de antenas e dotación de equipamento nos vindeiros días.