Deputación de Lugo

A Deputación instala no Incio e na Fonsagrada o material enerxético do plan que aforra 130.000 euros a estes Concellos

O organismo provincial asume todos os custes do plan enerxético que leva ós municipios, a diferenza da programación da Xunta, que obriga ós Concellos a pagar o 30% A institución fíxose cargo das auditorías enerxéticas e da adquisición de 256 compoñentes para os alumeados públicos, aforrando a estes entidades locais máis de 96.000 eurosCoa instalación gratuíta deste material, a Deputación reducirá en 33.000 euros ó ano as facturas da luz da Fonsagrada e do Incio

Logo de rematar cos traballos de instalación de novo equipamento enerxético no Concello de Abadín, a Deputación está a levar a cabo na Fonsagrada e no Incio estas actuacións, enmarcadas no seu plan enerxético, que aforra un total de 130.000 euros a estes dous últimos municipios. Faino ó asumir a totalidade dos custes desta iniciativa, a diferenza de plans semellantes doutras administracións como o da Xunta, que obriga ás entidades locais a achegar o 30% do orzamento necesario. O Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, acompañado polo Rexedor fonsagradino, Argelio Fernández Queipo, supervisou estes traballos en dita localidade da Montaña luguesa.

En primeiro lugar, o organismo provincial aforrou á Fonsagrada e ó Incio os 20.000 euros que suporía, segundo os prezos de mercado, a contratación externa das auditorías enerxéticas. Técnicos da Axencia provincial da Enerxía asumiron estes traballos, cos que detectaron que os maiores custes enerxéticos destes municipios proviñan do alumeado público, ó tempo que determinaron o material a substituír para reducir estes gastos.

Posteriormente a institución adquiriu 256 novos compoñentes, 152 para O Incio e 104 para A Fonsagrada. Por exemplo, lámpadas de baixo consumo, balastros electrónicos, descargadores de sobretensión ou reloxos astronómicos. Ademais de asumir a compra este material, a Deputación faise cargo da súa instalación, aforrando a estes Concellos outros 76.230 euros.

Hai que ter en conta, que con este novo equipamento O Incio reducirá os gastos anuais pola luz en 25.116 euros, mentres que A Fonsagrada farao en 8.208 euros. É dicir, o organismo provincial consegue que as facturas destes municipios diminúan en 33.000 euros.

A suma das cantidades mencionadas, supón que a Deputación aforre 130.000 euros Á Fonsagrada e Ó Incio co seu plan enerxético. Ademais dos beneficios económicos, a iniciativa do organismo provincial implica importantes beneficios medioambientais. O equipamento que se está a instalar nestes Concellos evitará a emisión anual de 86 toneladas de CO2 cada ano, é dicir, o equivalente ó gasto eléctrico anual de 128 familias, o consumo de 344 barrís de petróleo, ou a plantación de 4.300 árbores.

Outros Concellos

Nos vindeiros días, a Deputación arrincará os traballos de instalación de equipamento enerxético en Cervantes, Pol e Samos, para os que xa adquiriu 1.750 novos compoñentes mediante o seu pioneiro Acordo Marco, que permite aforrar custes con contratacións conxuntas. Progresivamente, o organismo provincial levará estas actuacións ós restantes Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron a esta iniciativa. Son un total de 37 municipios: Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla, O Valadouro, Navia de Suarna, A Pastoriza, Meira, Becerreá, Viveiro, Riotorto, Ribas de Sil, Guntín, Monterroso, Láncara, Trabada, O Vicedo, A Pobra de Brollón, Ribadeo, Monforte, Guitiriz, Portomarín, Sarria, Palas de Rei, Xove, Sober, Quiroga, Friol e Castroverde, así como os xa citados Abadín, A Fonsagrada, O Incio, Cervantes, Pol e Samos.