Deputación de Lugo

A Deputación promociona no exterior a Festa da Faba de Lourenzá para xerar riqueza

Álvaro Santos Ramos participou na presentación da cita, coa que colabora o organismo provincial malia que as responsabilidades das Festas de Interese Turístico son da Xunta A institución pon a disposición do municipio medios por valor de 12.000 euros, para atraer máis xente ó evento, promocionalo no exterior e organizar novidosas actividadesA Fundación TIC elaborará reportaxes que se retransmitirán en medios de comunicación e redes sociais, ademais dun documental que estará dispoñible na páxina web do ConcelloO Lugoteando permitirá a persoas de todas as idades facer surf, skate e outras actividades en simuladores de xeito totalmente gratuíto o 6 de outubro no claustro do mosteiro

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, participou este venres na presentación da Festa da Faba de Lourenzá, declarada de Interese Turístico de Galicia, que terá lugar nesta localidade mariñana os días 5 e 6 de outubro. Santos Ramos destacou que o organismo provincial colabora co municipio, poñendo a súa disposición medios por valor de 12.000 euros para atraer máis xente a esta festa e, deste xeito, xerar riqueza, malia que as competencias para potenciar e velar pola calidade desta cita son da Xunta, como administración responsable das festas que contan con tal declaración.

A Fundación TIC, dependente da institución luguesa, dará a máxima difusión á Festa da Faba para promocionala no exterior. Os profesionais da TIC elaborarán un vídeo coa presentación desta cita e, posteriormente, outro con todas as actividades que se desenvolvan durante os días propios do evento. Ambos traballos retransmitiranse en diferentes medios de comunicación e difundiranse a través das redes sociais. Ademais, rodarán un documental sobre este festexo que estará a disposición de todos os cidadáns na páxina web do Concello, contribuíndo a poñer en valor a riqueza deste municipio.

Actividades lúdicas

Logo do éxito de Lugoteando durante a tempada estival, que acadou a participación de 1.500 persoas, a Deputación levará ó claustro do mosterio de Lourenzá as diferentes actividades lúdicas e medioambientais desta programación o vindeiro día 6 de outubro. Todos os interesados poderán participar, de xeito totalmente gratuíto, en novidosas actividades: simular de surf, gyroboar –sistema que permite reproducir os movementos dun skate con xiros espectaculares-, ou skates electrónicos. O horario do Lugoteando será de 12:00 á 17:30 horas.