Deputación de Lugo

A Deputación comeza mañá a formar gratis ás 50 PEMES e autónomos da Mariña, sumadas ó Reacciona coas TICs

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial leva este xoves ó CeMIT de Viveiro o taller sobre redes sociais e xeomarketing. O 1 de outubro terá lugar o obradoiro sobre códigos QROs participantes aprenden, sen custe algún, como empregar as redes sociais para mellorar o seu posicionamento no mercado, grazas ós fondos europeos do Innova-TE da Deputación

A Deputación arranca mañá na Mariña coa formación ás 50 PEMES e autónomos da zona, adheridos ó Reacciona coas TICS. Trátase do programa pioneiro en Galicia, mediante o cal o organismo provincial xa analizou as necesidades informáticas dun total de 150 entidades lucenses para, agora, formalas e dotalas das ferramentas tecnolóxicas necesarias, en impulso dos seus negocios. O Reacciona coas TICS está dotado de 200.000 euros de fondos europeos do Innova-TE.

Este xoves, dende as 15:30 horas ás 19:30 horas, a aula CeMIT, en Viveiro, será o escenario do taller sobre redes sociais e xeomarketing. O seguinte obradoiro abordará os códigos QR, e terá lugar o 1 de outubro, tamén no CeMIT, de 15:30 a 18:30.

Os obradoiros da Deputación facilitarán ós participantes atraer novos clientes atendendo ás novas tendencias de comunicación a través do móbil. E é que os empresarios aprenden como dar de alta o seu negocio en Google; coñecen a maior rede social asociada ó xeoposicionamento (Foursquare); ou aprenden a crear códigos QR, unha interesante ferramenta enfocada a vincular o mundo real co virtual. Cada vez son máis as empresas que ven en facebook unha oportunidade para chegar á súa clientela, pero poucas levan unha estratexia adecuada e exitosa. Tendo en conta isto, nos talleres os participantes aprenden a crear a súa propia páxina empresarial en facebook e sacarlle todo o partido posible, con trucos útiles e ferramentas sinxelas.