Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo agradece o respaldo doutras administracións á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Imaxe deputación de lugo
O Senado aprobou por unanimidade unha declaración institucional en impulso da Declaración da Ribeira Sacra, froito da moción presentada por Ricardo Varela e Miguel Fidalgo O impulso da candidatura da Ribeira Sacra foi un dos compromisos de Gómez Besteiro no seu discurso de investidura no 2011, no que o organismo lugués leva traballando dende hai ano e medioA institución luguesa redactou un protocolo de colaboración para o impulso conxunto da candidatura da Ribeira Sacara coa Deputación de Ourense, 21 Concellos e Xunta de Galicia

A Deputación de Lugo agradece o respaldo doutras administracións ó traballo que está a desenvolver para que a Ribeira Sacra sexa candidata oficial á Declaración de Patrimonio da Humanidade da UNESCO. O organismo provincial destaca o apoio acadado no Senado, onde todos os seus representantes respaldaron a moción presentada por Ricardo Varela e Miguel Fidalgo, feito que derivou na substitución deste texto por unha declaración institucional, que a Cámara Alta aprobou por unanimidade.

A moción instaba ó Goberno central a expresar o seu respaldo á candidatura da Ribera Sacra a Patrimonio da Humanidade, co obxectivo de acadar a implicación deste nun proxecto que contribuirá a poñer en valor este territorio e combater a sangría demográfica, que afecta especialmente ó rural. No texto solicitaban, así mesmo, que o Goberno se puxera a disposición de todas as administracións implicadas, factor imprescindible para o éxito da iniciativa tendo en conta que o ámbito territorial da Ribeira Sacra comprende dúas provincias e que este ben xa aparece na “Lista Indicativa” de España dende 1996.

O impulso da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio da Humanidade foi un dos compromisos de Gómez Besteiro no seu discurso de investidura xa no ano 2011, unha das liñas programáticas do Goberno Provincial na que o organismo lugués leva traballando dende hai ano e medio. Durante este tempo, os responsables provinciais mantiveron diferentes encontros cos promotores doutras campañas similares, como as que remataron coas Declaracións de Patrimonio da Humanidade da Muralla de Lugo e da Torre de Hércules, e nos que se asesoraron sobre as xestións necesarias.

O Pleno Provincial do pasado mes de setembro aprobou por unanimidade unha moción, presentada polo Presidente, que solicitaba o respaldo das administracións implicadas. A Deputación de Ourense tamén aprobou esta mesma moción. Isto supuxo, que Gómez Besteiro e Baltar Blanco acordasen promover de xeito conxunto a candidatura da Ribeira Sacra. Precisamente, o Presidente lugués remitiu a semana pasada ó seu homólogo ourensá o protocolo de colaboración que redactou a Deputación de Lugo. Unha vez que ambas as dúas institución acorden o protocolo, este texto será remitido ós 21 Concellos da Ribeira Sacra (13 de Lugo e 8 de Ourense), así como a Xunta de Galicia.

A institución luguesa continúa coa campaña de recollida de sinaturas que puxo en marcha co obxectivo de sumar apoios en impulso da candidatura oficial da Ribeira Sacra, involucrando á cidadanía. Trátase dunha iniciativa tamén levada a cabo para as declaración doutros bens galegos como a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago, a Torre de Hércules ou a Muralla de Lugo. O autobús rotulado e con información da Ribeira Sacra estivo na cidade de Lugo, Monforte de Lemos, Ribas do Sil, Chantada e Taboada recabando apoios. Máis de 4.000 persoas asinaron no libro oficial da UNESCO. Ata finais de ano, continuará percorrendo a provincia. No 2014, comezará o seu itinerario por outros puntos de Galicia e España.