Deputación de Lugo

Máis de 100 mozos lucenses comezan hoxe o proceso selectivo para as bolsas Leonardo da Vinci

Aspirantes ás 70 bolsas de formación realizan no Salón de Actos de San Marcos a primeira das probas de selección cuxos resultados publicaranse proximamente en www.deputacionlugo.orgA selección continuará en datas vindeiras co baremo de méritos e a entrevista persoal, parte da cal se fará en inglés para acreditar capacidade para desenvolverse nos países de destinoEste programa de bolsas teñen como obxectivo permitir a mozos lucenses formarse en Europa para poder poñer en práctica os coñecementos adquiridos á súa volta

Máis de 100 mozos titulados lucenses comezan hoxe a fase de selección para optar a unha das 70 bolsas Leonardo da Vinci, que lles permitirán recibir formación especializada durante 3 meses en empresas estranxeiras a custe cero. Esta iniciativa, impulsada polo organismo lugués e cofinanciada pola Unión Europea, permite que os seus beneficiarios, todos eles titulados universitarios ou en Formación Profesional, completen a súa formación en Europa, en concreto en Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda.

Os aspirantes concentráronse este martes, ás 16:30 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, para realizar unha proba de coñecementos consistente nun cuestionario tipo test de 20 preguntas. Este test ten como obxectivo valorar os coñecementos de cada aspirante na súa especialidade, atendendo en especial ás características sociais e económicas da provincia de Lugo, así coma o coñecemento do propio programa de bolsas, e doutros programas europeos vencellados á institución provincial.

Os resultados desta pobra publicaranse en datas vindeiras, coas puntuacións respectivas, no Taboleiro de Anuncios e na web www.deputacionlugo.org. Aqueles aspirantes que superen esta primeira proba, pasarán á seguinte fase.

Baremo de méritos e entrevista

O proceso para adxudicar as 70 bolsas continuará coa fase de concurso, na que unha Comisión Técnica valorará os méritos acreditados por cada un dos candidatos, e a entrevista persoal, que terá como finalidade poder apreciar o grao de madurez e dominio dos coñecementos acreditados no currículo.

Unha parte desta entrevista realizarase en inglés, para acreditar que posúen capacidade suficiente para desenvolverse nos países de destino.
De calquera xeito, a entrevista versará sobre o grao de formación xeral e técnica, na que se valorará principalmente a aptitude e actitude para as prácticas convocadas.

Formación de calidade a custe cero

Este programa formativo, dotado con máis de 300.000 euros cofinanciados pola Unión Europea, ten como obxectivo permitir a mozos lucenses formarse en Europa para, á súa volta, poder poñer en práctica os coñecementos adquiridos. Isto supón unha inmellorable oportunidade de optar a unha formación de calidade a custe cero, gañando experiencia profesional en empresas punteiras doutros países.

As bolsas Leonardo da Vinci convertiron á Deputación de Lugo na única das administracións provinciais galegas á que Europa aprobou dous programas de bolsas diferentes, unha para universitarios e outra para titulados en Formación Profesional.