Deputación de Lugo

Arte no Camiño abre as súas portas no CENTRAD

A Deputada de Deseño e Artesanía e o Presidente da Asociación de Amigos do Camiño na Comarca de Sarria inauguraron a mostra composta por 100 pezas de diferentes técnicas e estilos A Deputación impulsa os traballos dunha vintena de artistas da Comarca de Sarria con esta exposición que vincula o Camiño de Santiago e artesanía localA exposición, que permanecerá aberta todo outubro, poderase visitar no pavillón 4 de xeito gratuíto de luns a venres de 10:00 a 20:30 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, xunto co Presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, Jorge López, inauguraron este luns a exposición Arte no Camiño, que acolle o pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Esta mostra recolle variados traballos de artistas inspirados polo Camiño de Santiago.

Regina Polín salientou que a artesanía e a súa vinculación co Camiño de Santiago pode ser unha importante fonte de ingresos para moitos destes artistas da comarca polo que a Deputación dá a coñecer con esta mostra as técnicas artesás propias desta zona, nunha clara aposta polos artistas locais.

Os visitantes poderán admirar preto de 100 pezas de 20 artistas que, empregando técnicas como cerámica, escultura, tear, cestería ou pedra, vivindo a pé do Camiño de Santiago ó seu paso pola Comarca de Sarria atopan inspiración para as súas obras na Ruta Xacobea e os seus peregrinos. Estes artistas, de idades comprendidas entre os 20 e os 90 anos, destacan pola plasticidade e estética dos seus traballos. Este é o segundo ano que o CENTRAD acolle as obras de artistas da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, nunha colaboración que supón unha interesante oportunidade para os autores de amosar as súas creacións a un gran número de persoas, coincidindo ademais no seu tempo de exposición nas instalacións da Deputación coas festas do San Froilán.

A exposición Arte no Camiño poderase visitar no pavillón 4 do CENTRAD ata o vindeiro 31 de outubro, co seguinte horario: luns a venres, de 10:00 a 20:30 horas. A entrada é totalmente gratuíta.