Deputación de Lugo

A Deputación ofrece formación gratuíta a 80 emprendedores para a posta en marcha dos seus negocios nas Reservas da Biosfera

López Izquierdo presentou o I Campus de Emprendemento Sostible, que arranca con 4 cursos en Lugo e Cervantes, que inclúen formación e visitas a empresas sostiblesOs beneficiados avaliarán a viabilidade dos seus proxectos, recibirán asesoramento para a súa posta en marcha e coñecerán exitosas iniciativas en visitas a negocios consolidadosAberto o prazo en www.deputacionlugo.org ou chamando ó 982-22-78-12

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou este luns o I Campus de Emprendemento Sostible. Trátase dunha iniciativa que ofrece formación gratuíta a 80 emprendedores lucenses para a posta en marcha dos seus negocios nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. López Izquierdo subliñou que “este proxecto enmárcase na nosa aposta pola cultura emprendedora como saída laboral, pois impulsará novas empresas no rural, creando postos de emprego e combatendo o despoboamento demográfico”.

O I Campus de Emprendemento Sostible ofrece, de xeito totalmente gratuíto, formación e visitas a empresas da provincia consolidadas. Arrancará con 4 accións formativas para 80 persoas, que se desenvolverán a partires de novembro en Lugo e Cervantes. Os emprendedores beneficiados coñecerán a viabilidade dos seus proxectos e recibirán asesoramento técnico, económico, comercial ou medio ambiental para a súa posta en marcha. Ademais, compartirán a experiencia de emprendedores da provincia con exitosos negocios nas visitas que realizarán ós seus establecementos.

López Izquierdo salientou que “esta iniciativa é unha forma innovadora de aprendizaxe, xa que inclúe prácticas en empresas que, dun xeito respectuoso, conseguen sacarlle o máximo partido ó medio natural. O Campus será un foro de encontro entre emprendedores e persoas concienzadas sobre o respecto ó medio ambiente de onde sairán novas propostas empresariais. Esta alternativa en tempos de crise, beneficiará económica e medioambientalmente á provincia”.

Datas e inscrición

Na capital lucense, concretamente, no Centro de Interpretación de Terras do Miño, terán lugar 2 obradoiros os días 4 e 11 de novembro. En Cervantes celebraranse outras 2 accións formativas o 18 e 21 de novembro. O seu horario será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Son en total 48 horas de formación máis as prácticas coas visitas a empresas. Os interesados poden facer a súa solicitude dende hoxe, entrando en www.deputacionlugo.org ou chamando ó 982 227 812.