Deputación de Lugo

Gómez Besteiro: 'Unicamente coñecendo o pasado estaremos en condicións de pelexar por un futuro mellor'

“A defensa da xustiza social é a fórmula para mellorar as condicións de vida dos traballadores do século XXI”, subliñou o Presidente durante a presentación do libro O movemento obreiro socialista na provincia de Lugo (1902-1936) celebrada esta tarde“Dereitos que foron respectados en etapas máis difíciles convertéronse na actualidade en diana de certos gobernantes por motivos ideolóxicos, poñendo de escusa a economía”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentou nun acto que tivo lugar hoxe no edificio sindical da capital luguesa o libro O movemento obreiro socialista na provincia de Lugo (1902-1936), da historiadora Rocío Botana Iglesias, e publicado pola Fundación Luis Tilve. O acto tamén contou coa participación da autora, de destacadas figuras do sindicalismo galego, como os Secretarios Xerais da UGT en Galicia, José Antonio Gómez Gómez, e en Lugo, Ángel Tomé Roca, e do Presidente da Fundación Luis Tilve, Xesús Mosquera Sueiro.

Na súa intervención, o Presidente destacou o labor da Fundación Luis Tilve en prol dos estudos históricos e a difusión das accións sindicais promovidas pola UXT nos diferentes contextos socioeconómicos galegos, un labor “imprescindible para entender os sucesos históricos que afectaron a Galicia ó longo da súa historia. Unicamente coñecendo o noso pasado estaremos en condicións de pelexar por un futuro mellor”, remarcou.

Gómez Besteiro destacou a transcendencia de coñecer a historia “para poder construír a nosa identidade colectiva” tendo en conta que “neste país estivemos moi afeitos a que a historia a escribiran os vencedores e, en España, eses vencedores contáronnos unha verdade moi sesgada”. Ó igual que outros países construíron as súas transicións políticas en base á restitución das vítimas da represión e na memoria histórica colectiva, “nós aínda temos esa débeda cos nosos antepasados e, o que é máis grave, tamén coas xeracións futuras, orfas dun relato colectivo onda poidan inscribirse”.

Movemento obreiro

O Presidente salientou a vixencia do movemento obreiro na actualidade, porque este “non representa só ó traballador dunha industria”, senón que obreiros tamén son “os mozos que teñen que marchar fóra do país porque non atopan un futuro dentro. Ou as persoas xubiladas que traballaron moi duro fóra e hoxe néganlles un futuro tranquilo dentro”. Do mesmo xeito, engadiu que tamén son traballadores “as pemes e os autónomos” que supoñen o 96% das preto do 25.000 empresas da provincia.

Gómez Besteiro destacou que para todos eles aínda cabe falar de movemento obreiro, coma nas orixes sindicais, porque “dereitos que foron respectados en etapas máis difíciles”, convertéronse na actualidade en “diana de certos gobernantes por motivos ideolóxicos, poñendo de escusa a economía”. Fixo referencia “ás pretensións de principios de século naquela Galicia caciquil e pouco desenvolvida, dereitos que hoxe nos parecen tan evidentes como a xornada laboral de 8 horas ou a supresión das horas extras non remuneradas” e que, sen embargo, “en moitos casos hoxe seguen sen cumprirse, polo que as pretensión volven ser plenamente actuais”.

Fundación Luis Tilve

A Fundación Luis Tilve naceu no ano 1989 e dende os seus inicios leva a cabo un intenso labor de divulgación a través da súa labor editorial, publicando obras dirixidas non só ós sindicatos en particular senón ó público en xeral. Estas obras abranguen variadas materias relativas á historia contemporánea de Galicia ou ás súas problemáticas actuais dende diferentes puntos de vista: historia, socioloxía, economía, política, emigración ou docencia son algúns exemplos.

O movemento obreiro socialista na provincia de Lugo (1902-1936) é obra da licenciada en Historia Rocío Botana Iglesias, autora de varias publicacións bibliográficas e artigos de revistas especializadas, sendo esta obra o seu primeiro achegamento ó estudo dos movementos obreiros.

De feito, este libro é a primeira investigación histórica publicada sobre o movemento obreiro socialista na provincia de Lugo. Un proxecto de varios anos de traballo co que a autora pretende achegar ó público o fenómeno da conformación do sindicalismo, en particular, na provincia de Lugo ó longo do primeira terzo do século XX. O libro ofrece, ademais, unha ampla recompilación dos nomes que se implicaron na consecución de melloras laborais e sociais dende a vertente socialista, moitos dos cales pagaron a súa propia vida como prezo.