Deputación de Lugo

A Comisión do Hula destaca o apoio da Deputación 'que non tivo da Xunta' nas súas reivindicacións para dotar a Lugo de servizos sanitarios

Fíxoo nun encontro co Presidente, no que adiantaron o vindeiro peche da campaña de recollida de sinaturas para a presentación dunha iniciativa parlamentaria en reclamo de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear co apoio de 40.000 persoasGómez Besteiro destacou que “é un feito histórico, conseguíronse máis do dobre das sinaturas necesarias porque estamos ante unha reivindicación xusta. Se apostamos por un hospital de primeira non podemos ter servizos sanitarios de segunda”A Comisión do Hula avanzou que seguirá coa súa actividade ante medidas como relacionar a produtividade do persoal sanitario do Sergas ó aforro. Este modelo da Xunta é en toda regra un desmantelamento da sanidade pública”, remarcou o titular provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este venres un encontro no Pazo de San Marcos con membros da Comisión do Hula, no que participaron o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, e o Presidente da Asociación Abre la Muralla, Vicente Quiroga, entre outros representantes dos colectivos que integran dita comisión. Jesús Vázquez explicou que “solicitamos esta reunión porque queremos singularizar o apoio dunha institución e do seu Presidente co de outras. Levamos ano e medio esperando a que a Conselleira de Sanidade nos reciba. Dende o primeiro momento, enviámoslle un escrito pedíndolle que nos escoite, que escoite as preocupacións dos 340.000 lucenses, pero nunca o fixo. Merecemos que se nos escoite, é o mínimo trato que debe recibir un movemento veciñal dunha institución. Queremos contrapoñer o trato da Xunta de Galicia co da Deputación de Lugo, que se involucrou dende o primeiro momento coas nosas reivindicacións”.

E é que o organismo provincial participou nas 2 manifestacións organizadas pola Comisión, que foron en xaneiro e en xuño. Esta última foi a máis multitudinaria na provincia, coa participación de 18.000 persoas. Ademais, a institución aprobou varias mocións no Pleno, esixindo á Xunta a inmediata adxudicación dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear para o Hula.

“Como mostra da sensibilidade e involucración da Deputación”, a Comisión do Hula adiantou no Pazo de San Marcos o peche da campaña de recollida de sinatura para a presentación dunha iniciativa parlamentaria popular coa que esixir á Xunta de Galicia que dote á provincia dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Farano a vindeira fin de semana, logo da ponte da Constitución, sumando o apoio de 40.000 persoas.

Para presentar unha iniciativa parlamentaria popular son precisas 15.000 sinaturas, cifra que a Comisión do Hula supera ó recompilar 25.000 máis. Gómez Besteiro destacou que “é un feito histórico, conseguíronse máis do dobre das sinaturas necesarias porque estamos ante unha reivindicación xusta. Se apostamos por un hospital de primeira non podemos ter servizos sanitarios de segunda. Non se pode ter en conta só o número de habitantes. Lugo ten unha poboación moi dispersa e envellecida que cómpre de servizos. É unha cuestión de sensibilidade”.

Jesús Vázquez apuntou que “ningunha iniciativa parlamentaria acadou tanto apoio. Este resultado é froito da implicación cidadá, de 250 colectivos, de todas as centrais sindicais e de institucións como a Deputación de Lugo”.

Entrega de sinaturas

No mes de decembro, a Comisión do Hula entregará a documentación correspondente no Parlamento e manterá encontros con todos os grupos parlamentarios. “Queremos dialogar con todos. A sanidade non debe ter cor política, así o dixo tamén algún Alcalde do PP, pero a Conselleira non debe de pensar o mesmo”, destacou Jesús Vázquez. A partires de entón, a Xunta ten un prazo de 15 días para convocar a sesión na que se abordará esta iniciativa parlamentaria popular.

Será Vicente Quiroga quen defenda esta iniciativa no Parlamento, “quen defenda que os lucenses non morramos polo camiño, por exemplo os da Montaña, para que non sigamos coa ruta do cancro ata A Coruña”, adiantou Vázquez. Quiroga, que agradeceu o compromiso da Deputación, salientou que “vou a defender que a sanidade pública universal. A sanidade non pode ser un negocio senón un dereito de vida. Se lle poñemos un valor, mal andamos. Espero que algún grupo que se manifestou en contra recapacite e se sume.

Neste senso, Gómez Besteiro remarcou que “agardo que ninguén cometa o erro de mirar para o outro lado con esta iniciativa, que leva a facer reflexionar sobre como queremos o noso futuro, como queremos que sexa a atención sanitaria pública”.

Xestión do Sergas

A Comisión do Hula anunciou que está disposta a continuar coa súa actividade en beneficio da cidadanía ante as medidas que se están a tomar de xeito unilateral en materia de sanidade. A Xunta pretende relacionar a produtividade do persoal sanitario ó aforro. Gómez Besteiro subliñou que “os servizos sanitarios non son números nin cifras. O modelo da Xunta é, en toda regra, un desmantelamento da sanidade pública”. Jesús Vázquez apuntou que “vamos a seguir loitando. O modelo de xestión do Sergas é un total despropósito. Buscan aforro en detrimento dos servizos sanitarios ós cidadáns”.