Deputación de Lugo

A Deputación mellora as dotacións dos veciños do rural no sur da provincia con 73.000 euros do Plan de Axuda ó Medio Rural

Miguel Ángel Sotuela supervisou hoxe as actuacións levadas a cabo con este Plan nos Concellos de Pantón e Quiroga, financiadas ó 100% con 12.000 euros aportados pola institución provincialAs obras consistiron no acondicionamento da contorna da fonte da parroquia quiroguesa de Hospital, e o arranxo dos accesos ós viñedos de Guillermina, no Concello de PantónEsta iniciativa permitiu a realización de 120 obras en 47 Concellos, financiando o total dos custes do acondicionamento de vías, traídas de auga ou curros para o gando, entre outras

O Deputado de Xestión Interior e Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega, supervisou hoxe as actuacións levadas a cabo na zona sur da provincia, en concreto nos Concellos de Pantón e Quiroga, onde a Deputación de Lugo financiou dúas obras solicitadas por agrupacións veciñais, aportando preto de 12.000 euros para subvencionar o 100% da contía. Este plan, dotado con 300.000 euros, pensado para potenciar o sector primario da provincia, destinou preto de 73.000 euros á zona sur da provincia, financiando un total de 14 obras en 13 Concellos.

Miguel Ángel Sotuela subliñou que estas colaboracións, malia súa baixa contía -non superan os 6.000 euros-, son de gran trascendencia para os veciños do rural, xa que “supoñen unha axuda fundamental para levar a cabo obras de acondicionamento e dotación de servizos básicos, como accesos a vivendas, explotacións gandeiras ou fincas de traballo, para as que os veciños non teñen en moitas ocasións, máis que a colaboración da Deputación para acometelas”.

As obras supervisadas hoxe consistiron no acondicionamento da contorna da fonte do Hospital, axuda solicitada pola agrupación veciñal desta parroquia do Concello de Quiroga. San Salvador do Hospital, cuns 600 veciños, é a segunda parroquia máis poblada do Concello, só superada pola da capitalidade. A Deputación financiou a totalidade dos custes desta obra, achegando preto de 6.000 euros. No Concello de Pantón, a axuda do organismo lugués fixo posible o arranxo dos accesos ós viñedos de Guillermina, para o que destinou 6.000 euros. Hai que ter en conta a importancia deste tipo de dotacións neste municipio, o de maior superficie inscrita na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, con máis de 200 hectáreas destinadas, que dan traballo a máis de 400 viticultores.

Impulso do sector primario

Esta iniciativa do organismo provincial lugués permitiu a realización dun total de 120 obras no rural de 47 Concellos, ó financiar na súa totalidade os custes das actuacións levadas a cabo. Acondicionamento de vías, locais sociais, áreas recreativas, traídas de auga, fontes, cercados de pastizais, curros para o gando ou depósitos de auga para a extención de incendios permitiron impulsar o sector primario, ademais de dar empreso a unha media de 300 persoas.