Deputación de Lugo

A Deputación mantén 30 empregos coa creación dunha nova ruta medioambiental polos Concellos de Terras do Miño

López Izquierdo mantivo hoxe un encontro con autónomos e PEMES distinguidos coas marcas de calidade Lug02 e LugoSabe que participan de xeito gratuíto na iniciativa A ruta Iniciación na condución dun 4x4 percorre o 8 Concellos, involucrando a máis dunha ducia de establecementos hostaleiros, de restauración ou de ocio e deporte

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, avanzou este mércores a creación dunha ruta turística medioambiental que percorre a Reserva da Biosfera Terras do Miño. Fíxoo no Centro de Interpretación Terras do Miño nunha xuntanza que mantivo con representantes de PEMES e autónomos que acadaron as marcas de calidade LugO2 e LugoSabe. Coa posta en marcha desta iniciativa, o organismo provincial contribuirá a manter os 30 postos de traballo nas máis de 12 empresas que se verán favorecidas polo inicio desta ruta.

López Izquierdo salientou que as rutas forman parte da aposta do organismo provincial polo medioambiente como oportunidade económica, “aproveitando factores capaces de xerar riqueza, como os recursos naturais e os produtos autóctonos de calidade propios de cada zona ou as iniciativas de ocio e turismo desestacionalizado”

A ruta denominada Iniciación na condución dun 4x4 percorrerá os Concellos de Cospeito, A Pastoriza, Riotorto, A Pontenova, Pol, Meira, Castro de Rei e Ribeira de Piquín. Os usuarios poderán visitar o Castro de Viladonga e o seu museo arqueolóxico, os fornos da Pontenova ou o mazo de Ferreiravella, entre outros puntos de interese. Esta ruta favorecerá a afluencia de visitantes ós negocios da zona, como os máis dunha ducia de establecementos hostaleiros, de restauración ou de actividades de ocio, como rutas en quad, a cabalo ou en vehículo 4x4, todas elas situadas ó pé do seu percorrido.

1.000 postos de traballo

En toda a provincia son 13 os roteiros creados pola Deputación, que destacan en cada caso os produtos autóctonos propios de cada zona, e a súa riqueza natural e patrimonial. Nestes días, responsables da iniciativa, están a manter reunións coas empresas involucradas. As rutas programadas son 7 gastronómicas, 3 de turismo activo e outras 3 enoturísticas, contribuíndo a manter os 1.000 postos de traballo das 211 empresas que forman parte da iniciativa.