Deputación de Lugo

A Deputación ofrece formación gratuíta en xestión e protección de datos a 21 Concellos da Zona Centro

A Deputación organizou este mércores en Lugo unha xornada dirixida ó persoal dos Concellos da Zona Centro adheridos ó Innova-TE sobre a Lei de protección de datosOs representantes dos 21 Concellos recibiron os resultados das auditorías realizadas como parte desta iniciativa que permite un aforro medio de 3.000 euros por municipio

A Deputación organizou este mércores no Centro de Innovación Social INLugo na capital, unha xornada dirixida ó persoal da Administración Local dos 21 Concellos da Zona Centro adheridos ó Innova-TE. Os asistentes trataron aspectos relacionados co tratamento de datos no ámbito das redes sociais e Internet; a normativa de videovixilancia; a xestión de contrasinais ou a navegación segura pola rede, recoñecendo e evitando as ameazas máis frecuentes. Deste xeito, a Deputación contribúe a que as Administracións Locais se adapten ó Esquema Nacional de Seguridade nas Administracións Públicas que entra en vigor en xaneiro do 2014.

Os representantes dos Concellos adheridos ó Innova-TE recibiron os resultados das auditorías técnicas previas que a institución provincial levou a cabo para detectar posibles deficiencias en materia de seguridade informática, que puideran poñer en risco a confidencialidade de datos persoais. Cos datos recabados conformáronse manuais de boas prácticas que tamén foron entregados hoxe, e estruturouse a xornada formativa, contribuíndo ó estrito cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos.

Na Zona Centro están inscritos os Concellos de Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Rábade e Ribeira de Piquín.

Esta iniciativa ten un custe estimado de 63.000 euros, cartos que o organismo lugués aforra a estes 21 Concellos. De feito, en toda a provincia son 48 os municipios adheridos ó Innova-TE, cofinanciado ó 80% con fondos europeos, o que supón un aforro total de 144.000 euros ás arcas municipais dentro desta iniciativa. Con anterioridade a esta cita, os Concellos da zona Norte e Sur xa recibiron os seus resultados e asesoramento noutras dúas sesións formativas celebradas en Burela e Monforte de Lemos, respectivamente.