Deputación de Lugo

A Deputación reclama por segunda vez á Xunta a convocatoria urxente do Real Padroado de Sargadelos

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez esixe de novo ó Goberno galego que convoque a reunión do Padroado para abordar a situación da fábrica de cerámica en Cervo e acordar “medidas conxuntas e de futuro”, que garantan a continuidade e o emprego da factoría cervenseA Vicepresidenta Segunda demanda ó Executivo autonómico “a máxima axilidade na súa resposta, que non se debe demorar máis no tempo, tendo en conta o inminente fin das negociacións do comité de empresa cos traballadores”O organismo provincial reitera a súa absoluta disposición para colaborar con Sargadelos, ante a situación na que se atopan 41 familias, e destaca a necesidade da colaboración entre institucións, máis aló de que a Xunta de Galicia sexa a administración coas competencias

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, reclamou por segunda vez á Xunta de Galicia que convoque de xeito inmediato unha reunión urxente do Real Padroado de Sargadelos, na que abordar a situación da fábrica de cerámica en Cervo e acordar “medidas conxuntas e de futuro”, que garantan a continuidade e o emprego da factoría cervense.

Lara Méndez xa solicitou a convocatoria deste encontro o pasado 28 de novembro como membro do Padroado, que integran Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Cervo e Seminario de Sargadelos. Ante a ausencia dunha resposta, a Vicepresidenta trasladou de novo a súa petición. Fíxoo mediante un fax, que hoxe mesmo enviou ó Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lourenzo Suárez, como responsable de convocar esta reunión.

“Prégolle a máxima axilidade na súa resposta, que non se debe demorar máis no tempo, tendo en conta o inminente fin das negociacións do comité de empresa cos traballadores, urxindo, máis se cabe, unha resposta conxunta e de futuro das administracións que conformamos o Real Padroado de Sargadelos”, remarcou Méndez.

A Deputación reitera a súa absoluta disposición para colaborar con Sargadelos, tal e como manifestou dende o primeiro momento, ante a situación na que se atopan 41 familias lucenses e tendo conta a riqueza cultural e patrimonial da cerámica, que é símbolo de identidade galega. Neste senso, destaca a necesidade da colaboración entre institucións, máis aló de que a Xunta de Galicia sexa a administración coas competencias na materia.