Deputación de Lugo

Besteiro pecha o ciclo Galicia en clave económica apostando polo emprego de calidade 'para saír da crise económica e demográfica'

Tres recoñecidos expertos en economía e emprego, Manuel Lago, Alberto Meixide e Federico Martín Palmero, expuxeron na Deputación as claves para atallar o paro e as potencialidades de Galicia para xerar postos de traballo A Fundación TIC encargouse, como nas anteriores citas, da retransmisión en directo do encontro en streaming, a través da páxina web provincialCon esta 5ª xornada remata o programa de debates organizado pola institución luguesa e Galicia Dixital, en colaboración co Grupo El Progreso, co fin de analizar a realidade socioeconómica da comunidade e poñer enriba da mesa solucións á crise

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, pechou este xoves o ciclo de debates Galicia en Clave Económica apostando pola creación de emprego de calidade “para saír desta crise económica, pero tamén da crise demográfica que sofre o noso país”. As claves para atallar o paro e as potencialidades de Galicia para xerar postos de traballo centraron o quinto e último encontro deste programa de debates organizado pola institución provincial e Galicia Dixital, en colaboración co Grupo El Progreso, co obxectivo de facer unha análise profunda e rigorosa da realidade socioeconómica do país e, dando un paso máis alá, implicar á sociedade para poñer enriba da mesa solucións á crise.

No encontro de hoxe tomaron a palabra tres recoñecidos expertos en economía e emprego: Manuel Lago, economista do sindicato CC.OO. e membro da área de Economía da Fundación 1º de Maio; Alberto Meixide, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela; e Federico Martín Palmero, doutor en Ciencias Económicas e profesor do departamento de Análise Económica e Administración de Empresas da Universidade da Coruña. O xornalista especializado en economía Julián Rodríguez Moscoso, de Economía Digital, foi o moderador.

Como nas ocasións anteriores, a Fundación TIC encargouse da retransmisión en directo da xornada en streaming, a través da páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org

Na apertura do encontro, celebrado no Salón de Actos de San Marcos, Gómez Besteiro apostou pola creación de emprego “para saír da crise económica e demográfica, pero non un emprego de calquera maneira, a calquera prezo, pois só un emprego de calidade e sostible garantirá a prosperidade social e económica do noso país”. A propia Estratexia 2020 da Unión Europea, tal e como lembrou o Presidente, “subliña que non haberá recuperación demográfica nos territorios que non teñen unha estrutura de emprego”.

Para describir a gravidade da situación, o mandatario provincial apuntou que “hoxe hai 270.854 galegos no paro, un 70% máis que hai catro anos, e as cifras aumentan por riba da media española; na provincia de Lugo, o desemprego subiu en só catro anos en case 7.000 persoas, e hoxe 27.440 lucenses non teñen traballo; cada mes, 2.000 mozos galegos marchan fóra a buscar oportunidades de futuro, estanse indo as xeracións encargadas de achegar os relevos xeracionais e laborais que tanto necesitamos; somos a rexión máis envellecida do mundo tan só despois de Xapón, e hoxe morren un 60% máis galegos dos que nacen”.

Respostas “decididas e urxentes”

Este duro panorama “necesita respostas decididas e urxentes”, destacou Gómez Besteiro. A Deputación contribúe impulsando debates como o celebrado hoxe, e a través da súa acción de goberno: “Estamos facendo todos os esforzos para crear emprego”, explicou o Presidente. Deste xeito, a institución provincial, como lembrou Besteiro, impulsou 10 plans de emprego con máis de 4.000 persoas beneficiadas, e o vindeiro ano investirá case 13 millóns de euros en programas de inserción laboral, o triplo que a Xunta en Lugo, a pesar de que o Goberno galego conta con 100 veces máis orzamento e ten as competencias no eido laboral. Este importante esforzo inversor “é froito do compromiso absoluto que nos marcamos neste mandato, tanto coa creación de emprego, como cos servizos sociais”, asegurou o Presidente.

Vinte expertos en cinco debates

O ciclo Galicia en clave económica, que arrancou o pasado mes de xuño e remata hoxe, incluíu cinco debates, nos que participaron unha vintena dos mellores expertos de Galicia para analizar a realidade da comunidade e achegar solucións. O programa contou cun importante seguimento de público en todas as citas, nas que se abordou o modelo produtivo de Galicia; o novo mapa bancario e o acceso ó crédito; as fortalezas e debilidades do sector primario; o papel dos sectores público e privado ante a crise, e as claves para crear emprego.