Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Feira do Capón que reunirá a centos de persoas este sábado en Vilalba

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial ofrecerá información sobre as iniciativas do programa Lug02 para a potenciación dos produtos autóctonos e o turismo medioambiental na provinciaO expositor contará con material audiovisual das masterclass de cociña autóctona, das rutas medioambientais pola provincia e das empresas que contan cos selos de calidade Lug02 e LugoSabeÁ cita acoden cada ano centos de persoas para ver os mellores exemplares destes animais criados con máximo coidado e que acadan os 120 euros de prezo e os 6 quilos de peso

A Deputación colabora coa Feira do Capón de Vilalba que se celebra este sábado na capital da Terra Chá, cun expositor no que divulgará información sobre as iniciativas enmarcadas no Lug02 para a potenciación dos produtos autóctonos e o turismo medioambiental na provincia.

No posto, que se situará na carpa da Praza da Constitución, a institución lucense contará con material informativo sobre as iniciativas que se desenvolven baixo o amparo deste programa europeo. Deste xeito, os asistentes poderán atopar información sobre as empresas que contan cos selos Lug02 e LugoSabe da Deputación. Estas marcas de calidade, que se ofreceron de xeito gratuíto a todos os establecementos e empresas produtoras da provincia, melloran a súa competitividade e o posicionamento no mercado. O organismo provincial realiza campañas de promoción e posta en valor dos seus produtos con diferentes iniciativas como rutas de turismo gastronómico e medioambiental, a primeira plataforma de venta por Internet ou clases de cociña para dar a coñecer as posibilidades culinarias dos produtos autóctonos.

Precisamente, o capón de Vilalba é un dos produtos que se poden adquirir dende calquera parte do mundo a través da plataforma www.losproductosdelugo.com. A iniciativa é gratuíta para as empresas lucenses que desexen promocionarse e vender os seus produtos autóctonos. Agrupa preto de 500 produtos e servizos de máis de 150 empresas que ofrecen moda, artesanía, alimentación e ocio.

A Deputación promocionará con este expositor na Feira de Vilalba os 200 establecementos adheridos ás 13 rutas medioambientais e gastronómicas creadas recentemente polo organismo provincial, coas que contribúe a manter máis de 1.000 postos de traballo en toda a provincia. Así, as persoas que se acheguen ata o posto da Deputación poderán visionar material audiovisual sobre estas rutas e máis sobre as masterclass de cociña autóctona, das que tamén foi protagonista ó capón de Vilalba.

As masterclass organizadas pola institución provincial amosaron as posibilidades culinarias de produtos autóctonos de calidade entre 150 cociñeiros e hostaleiros da provincia, impulsando a súa comercialización.

O capón de Vilalba é un dos produtos promocionados pola Deputación, hai empresas dedicadas á cría e comercialización destes animais que contan co selo LugoSabe e que se poden atopar na plataforma electrónica da institución, aproveitando ó máximo o impulso do programa Lug02. A Feira do Capón de Vilalba é unha cita que reúne todos os anos a centos de persoas que se achegan a esta localidade para comprar ou admirar a calidade deste produto. Os animais, cebados e criados con máximo coidado acadan prezos entre os 80 e os 120 euros e os produtores da zona poñen á venda uns 800 exemplares cun peso entre os 4 e os 6 quilos.