Deputación de Lugo

O porco celta e cachena serán protagonistas da masterclass que a Deputación leva mañá a Sarria

Imaxe deputación de lugo
O Restaurante Roma de Sarria acollerá este mércores a iniciativa na que os participantes aprenderán a realizar un menú que destaca a calidade desta carneA masterclass forma parte da aposta da Deputación polo medio natural como xerador de recursos económicos e como oportunidade de futuro para a provinciaEsta mesma iniciativa xa se levou a cabo noutras localidades para fomentar entre os hostaleiros da provincia o uso de produtos autóctonos

A Deputación leva este mércores ó Concello de Sarria, a través do programa europeo Lug02, unha nova masterclass gratuíta de cociña autóctona en impulso dos produtos da zona. A xornada desenvolverase no Restaurante Roma, a partir das 16:30 horas. Os 15 participantes aprenderán a preparar un menú composto por produtos da horta, carne de cachena e carne de porco celta.

O chef local Vicente Fontal Vázquez amosará ós asistentes como facer un menú que destaque a calidade da carne destes animais. Comezarán elaborando un costelar de boi auténtico cacheno estofado, un lombo de vaca vella cachena á grela e unha picaña de tenreira cachena á brasa. Con carne de porco celta os participantes elaborarán lacón con grelos e chourizo e solombo con queixo do Cebreiro. Para rematar, como sobremesa prepararán unhas filloas con xeado de augardente de herbas.

A carne de tenreira procede das cachenas de San Breixo, empresa que conta co distintivo de calidade LugoSabe. O porco celta é de cárnicas Teijeiro, unha empresa da zona que se dedica a elaboración de embutidos e e venta de produtos derivados deste animal e que tamén conta co distintivo da Deputación. O queixo que se empregará é autóctono da provincia de Lugo e procede da Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro.

A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación polo medio ambiente, como oportunidade económica para a provincia. Coas masterclass, a institución impulsa os produtos autóctonos, fomentando a súa comercialización en establecementos da provincia, como xeradores de novas oportunidades económicas debido a súa calidade. O organismo provincial xa celebrou clases de cociña autóctona en Monforte de Lemos, Chantada, Cervantes, O Valadouro, Viveiro, Foz e As Nogais. En todas elas, empregáronse produtos propios de cada zona como, por exemplo, hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros.

A Deputación potencia, ademais, os produtos autóctonos coas marcas de calidade LugoSabe que posúen 115 produtores lucenses que comercializan máis de 400 produtos, ou coa primeira plataforma de comercio electrónico da provincia, www.losprodutosdelugo.com, na que se venden mediante Internet 250 alimentos de calidade, como aceites, conservas, mel, marmeladas, pan, queixos, viños, licores, embutidos ou mariscos, entre outros.