Deputación de Lugo

Rematan as masterclass de cociña autóctona da Deputación cunha sesión dedicada ó capón de Vilalba

O Restaurante Montero acolleu este luns a derradeira das clases maxistrais que se desenvolveron en 9 localidades diferentes e nas que participaron 150 cociñeiros de toda a provinciaRegina Polín participou na cita de hoxe, na que os cociñeiros realizaron un menú propio destas datas co afamado capón desta localidade como protagonista indiscutibleAs masterclass forman parte da aposta da Deputación polo medio natural como xerador de recursos económicos e como oportunidade de futuro para a provincia

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participou este luns na masterclass de cociña autóctona que organizou o organismo provincial en Vilalba. Esta foi a derradeira destas citas coas que a Deputación impulsa os produtos autóctonos de calidade a través do programa europeo Lug02. A xornada desenvolveuse no Restaurante Montero, onde 15 cociñeiros realizaron un menú dedicado en exclusiva ó afamado capón desta localidade.

O chef local Manuel Jesús Montero Cabanas amosou as posibilidades culinarias do capón facendo un menú tradicional destas datas de Nadal. Os pratos realizaron foron: pementos de piquillo recheos de capón e capón de Vilalba recheo. Como en anteriores ocasións os produtos cos que traballaron os cociñeiros son de empresas da zona. Concretamente Capóns Aurora, unha empresa coa marca de calidade da Deputación LugoSabe, foi a encargada de subministrar os animais.

Esta foi a derradeira masterclass que se celebra este ano. Dende que comezaron estas clases en xuño, participaron en 9 citas 150 chefs de toda a provincia que coñeceron da man de expertos os segredos culinarios dos produtos autóctonos lucenses. As citas foron en Monforte de Lemos, Chantada, Cervantes, O Valadouro, Viveiro, Foz, As Nogais, Sarria e hoxe en Vilalba. En todas elas, empregáronse produtos propios de cada zona como, por exemplo, o marisco e o pescado na costa, o porco celta e a carne de cachena no interior, ou o queixo da montaña, entre outros.

A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación polo medio natural, como oportunidade económica para a provincia. As masterclass melloran a comercialización dos produtos autóctonos de calidade ó amosarlles ós cociñeiros e hostaleiros todas as posibilidades gastronómicas dos alimentos propios da provincia. O organismo provincial desenvolve numerosas iniciativas, ó amparo do programa europeo Lug02, como as marcas de calidade LugoSabe e Lug02, ou a primeira plataforma de comercio electrónico da provincia (www.losproductosdelugo.com) creada pola Deputación co fin de xerar imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización para PEMES e autónomos lucenses.