Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia a máis de 50 colectivos galegos en contra do anteproxecto de Lei sobre o aborto

A vicevoceira provincial socialista, xunto a membros da Plataforma galega polo dereito ó aborto, presentou a moción que o PSOE leva ó Pleno Provincial para esixir a retirada da normativa, “que supón o maior retroceso nos dereitos das mulleres de toda a democracia”García Porto salientou que o anteproxecto de Lei do PP “deixa a muller sen capacidade de decisión, converténdoa nunha mera xestadora, e sitúa a España á cola dos países da Unión Europea en dereitos femininos relativos ó aborto. Só Irlanda e Malta teñen leis similares”A norma nin sequera recoñece o aborto por malformación, enfermidade incurable ou anomalía fetal incompatible coa vida. Ademais, endurece o proceso administrativo para abortar nun claro intento para demorar a decisión e así quedar fóra do prazo legal

A Deputación e Lugo é a primeira institución en Galicia que forma parte e apoia á Plataforma galega polo dereito ó aborto, que integran máis de 50 colectivos na Comunidade. “Facémolo por pura convicción, porque estamos en contra da Lei sobre o aborto que quere impoñer o Partido Popular malia supor o maior retroceso para os dereitos das mulleres de toda a democracia, pois perden a súa liberdade para estar permanentemente axuizadas”, explicou Pilar García Porto. A vicevoceira provincial socialista fixo estas declaracións hoxe, durante a presentación da moción que o PSOE leva ó Pleno Provincial, que terá lugar o vindeiro martes, 31 de decembro.

Acompañada por membros da Plataforma galega polo dereito ó aborto, García Porto adiantou que “con esta moción queremos manifestar o absoluto rexeitamento da Deputación de Lugo ó anteproxecto de Lei Orgánica sobre o Dereito do Concebido e da Muller Embarazada, por ser levisa para as mulleres e supor un menoscabo dos seus dereitos; e esixir ó Goberno Central a súa inmediata retirada, deixando en vigor a actual lei de prazos, acorde ó ámbito europeo e froito do consenso das diferentes forzas políticas”.

O pasado día 20 de decembro, o Consello de Ministros presentou o anteproxecto de Lei sobre o aborto, “cumprindo así a ameaza que durante estes dous anos de goberno pronunciaba para acender ás súas bases”. “Unha vez máis, o Partido Popular decide lexislar a golpe de BOE a moralidade das mulleres cun espírito pseudopaternalista que deixa desprovista de fundamento a decisión da muller, converténdoa nunha mera xestadora”.

“O PP volve utilizar a súa maioría no Congreso para levar a España a unha verdadeira involución, que nos sitúa entre os países que están á cola en dereitos femininos relativos ó aborto. Só Irlanda e Malta teñen leis similares á que quere impoñer o Ministro de Xustiza”.

“Aborto para ricos e para pobres”

“A nova Lei do Partido Popular devolve á clandestinidade ás mulleres, fomentando a mortalidade polo proceso do aborto e introducindo fendas económicas entre as mulleres en precariedade económica que volverán abortar en sotos insalubres. Introducen o aborto para ricos e para pobres”, engadiu.

O anteproxecto non permite a decisión da muller sobre o seu corpo e vida en ningún suposto. Fronte á Lei de prazos de 2010, na que as mulleres dispoñían de 14 semanas dende a xestación para decidir se querían seguir adiante co embarazo, a Lei presentada polo Partido Popular elimina o dereito da muller a decidir se interromper o seu embarazo.

O anteproxecto de Lei dos PP, só recoñece dous supostos para interromper o embarazo: o risco para a saúde psíquica e física da nai ou que o embarazo sexa froito dunha violación. Non obstante, ademais de esquecer o dereito da muller a decidir, xa nin sequera se recoñece o aborto por malformación, enfermidade incurable ou anomalía fetal incompatible coa vida. Para realizar o aborto dun embrión non viable terá que aducir a nai que o futuro nacemento supón un risco psíquico para ela.

Trabas administrativas

Ademais, coa nova lei endurécese o proceso administrativo para abortar nun claro intento para demorar a decisión e así quedar fóra do prazo legal. O suposto de aborto por violación poderá executarse só nas doce primeiras semanas e previa denuncia da agresión, deixando á marxe a condición de vítima da muller violada, e esixíndolle unha celeridade inusual esquecendo as connotacións sociais da vítima.

No outro suposto contemplado para abortar, para probar que hai un risco psíquico ou físico para a nai, deberase acreditar un informe médico de dous facultativos diferentes ó que vaia practicar o aborto e que nin sequera traballen no mesmo centro onde se practique o aborto. Ademais, unha vez avaliado e permitido o aborto, o traballador social entregará un informe á muller obrigándoa a un período de reflexión de 7 días. Este proceso administrativo supón outra traba que dificulta a posibilidade de estar dentro do prazo legal.

Polo exposto, e ante a contrarreforma do Partido Popular que supón “un menoscabo para os dereitos da muller a decidir sobre a súa maternidade, devolvendo o aborto á clandestinidade”, o Grupo Provincial Socialista presenta ó Pleno Provincial da Deputación esta moción.