Deputación de Lugo

O Pleno aproba o Plan Estratéxico de Subvencións, dotado de 9 millóns de euros para emprego, servizos públicos e cooperar cos Concellos

O PP vota en contra da retirada do anteproxecto da Lei sobre o aborto, “subscribindo que a muller non ten dereito a decidir sobre o seu corpo só por compracer á ultradereita. Nin a señora Candia foi quen de debater esta moción”, destacou López IzquierdoO Partido Popular rexeita demandar ós Gobernos galego e Central políticas de apoio ás familias ante a suba do IVE, IRPF, IBI, luz, taxas universitarias, recorte de pensións, repago de fármacos, comedores, transporte escolar ou o céntimo sanitario, “cos que arrasaron este país, porque a vostedes isto non lles afecta, xa que teñen caixa A, B e C”, subliñou Martínez

O Pleno Provincial aprobou, cos votos a favor de PSOE e BNG e coa abstención do PP, o Plan Estratéxico de Subvencións para 2014, que cumpre cos compromisos do Orzamento da Deputación, que son impulsar o emprego, garantir servizos públicos de calidade e cooperar cos Concellos, por valor de 9 millóns de euros.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, explicou que da cantidade total, preto de 4 millóns de euros son para emprego, “cantidade que se engade ós 12,8 millóns de euros dos novos plans de emprego para todos os Concellos que poremos en marcha no 2014”, lembrou.

Para potenciar os principais sectores produtivos -gandería, agricultura, pesca, comercio, artesanía, turismo así como o empresarial- achéganse 3,6 millóns de euros. Neste bloque, inclúense as axudas a todas as confrarías de pescadores da provincia, o plan de impulso ó sector primario con melloras de infraestruturas, un proxecto de desenvolmento empresarial, así como as colaboracións con Acruga ou coa Festa da Castaña de Folgoso do Courel, a Festa do Berberecho de Foz, a Feira do Grelo de Abadín, a Mostra de Aceite de Quiroga, a Edición do Viño de Amandi de Sober....

Para novas bolsas de emprego e a mellora da formación, achéganse 280.000 euros, “que se engaden ós 300.000 euros de fondos europeos dos que xa dispoñemos”. Neste bloque, inclúense as becas Leonardo da Vinci ou as colaboracións cos Máster en Prevención de Riscos Laborais ou o de Dirección de Recursos Humanos

Dos 9 millóns de euros, 4,1 millóns de euros son para cooperar cos Concellos.

Para actividades educativas, culturais, deportivas e de promoción do patrimonio no rural dos 67 Concellos da provincia, combatendo a sangría demográfica, achéganse case 2,9 millóns de euros.

Intensifícase a cooperación cos Concellos con 1,2 millóns de euros para a mellora de dotación públicas municipais, como por exemplo, traídas de auga, instalacións deportivas, culturais ou patrimonias, aforrando cartos ás entidades locais.

Finalmente, para benestar social adícanse 900.000 euros, “presuposto que se engaden ós 2,9 millóns de euros para servizos sociais, así como ós 15 millóns de euros para a rede pública de residencias e centros de día”. Inclúense neste bloque, as axudas a colectivos sociais como Raiolas, Auxilia, Alzheimer Lugo, Alucem, así como a colaboración co Concello de Ribadeo para a construción da residencia pública...

Anteproxecto sobre a Lei do Aborto

Co voto en contra do Partido Popular, a sesión aprobou a moción do PSOE coa que a Deputación de Lugo manifesta o seu absoluto rexeitamento ó anteproxecto de Lei Orgánica sobre o Dereito do Concebido e da Muller Embarazada e esixe ó Goberno Central a súa inmediata retirada, deixando en vigor a actual lei de prazos, acorde ó ámbito europeo e froito do consenso das diferentes forzas políticas. A Deputada provincial Sonsoles López Izquierdo salientou que o anteproxecto de Lei do PP “deixa a muller sen capacidade de decisión, converténdoa nunha mera xestadora, e sitúa a España á cola dos países da Unión Europea en dereitos femininos relativos ó aborto. A norma nin sequera recoñece o aborto por malformación, enfermidade incurable ou anomalía fetal incompatible coa vida. Ademais, endurece o proceso administrativo para abortar nun claro intento para demorar a decisión e así quedar fóra do prazo legal”. Ante a postura do PP, López Izquierdo remarcou que “están a subscribir que a muller non ten dereito a decidir sobre o seu corpo só por compracer á ultradereita. A señora Candia non foi quen nin de debater esta moción”, xa que lle cedeu a palabra a Fernando Pensado.

Políticas en apoio ás familias

Malia o rexeitamento de todos os Deputados do Partido Popular, o equipo de Goberno Provincial aprobou a proposta que esixe ós “Executivos antisociais do PP que lideran Feijóo e Rajoy” que incrementen as partidas adicadas a familias en risco de exclusión, subvencionando a gratuidade dos bens de primeira necesidade como a electricidade, para atallar a pobreza; que aumenten as partidas para plans de emprego, distribuíndoas de xeito equitativo entre a totalidade dos Concellos lucenses; e que asuman o incremento da suba do canon de SOGAMA, así como que eliminen o canon da auga. Ante a postura do Partido Popular, o Deputado provincial Manuel Martínez subliñou que “arrasaron co país, subindo o IVE, IRPF ou IBI, recortando as pensións, impoñendo o repago de fármacos, comedores, transporte escolar, incrementando as taxas universitarias, subindo a luz ou co falsamente chamado céntimo sanitario. Pero a vostedes isto non lles preocupa nin lles afecta porque teñen caixa A, B e C”.