Deputación de Lugo

A Deputación convoca novos cursos para que 300 maiores melloren a súa autonomía a través das novas tecnoloxías

Alfredo Llano e Pablo Rivera presentaron este xoves a nova programación de obradoiros gratuítos que organiza a Fundación TIC no INLugo durante o primeiro trimestre do anoA anterior convocatoria de cursos obtivo un grande éxito de participación con 160 maiores que aprenderon a sacarlle o máximo partido ó seu ordenador, tablet ou móbil O organismo provincial oferta un total de 312 prazas. Aberto o prazo de inscrición en www.deputacionlugo.org, onde se pode consultar a programación completa e horarios

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano; e o Director de Fondos Europeos da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, presentaron este xoves a nova programación dos cursos e obradoiros gratuítos sobre novas tecnoloxías para maiores que se desenvolverán durante o primeiro trimestre do ano no Centro de Innovación Social InLugo. Logo do éxito da anterior convocatoria, na que participaron 160 persoas, ofértanse 312 prazas para as 25 accións formativas que suman un total de 142 horas. Estes cursos están cofinanciados ó 80% con Fondos Europeos e organizados pola Fundación TIC, que se encarga da promoción de actividades dirixidas ó fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das novas tecnoloxías entre os lucenses de todas as idades.

A Deputación organiza esta programación destinada ás persoas maiores especialmente pensada para aumentar a súa autonomía e mellorar as súas capacidades cognitivas e funcionais. Alfredo Llano destacou que esta programación enmárcase no compromiso da Deputación co benestar dos maiores e o emprego das novas tecnoloxías como unha ferramenta para mellorar a súa calidade de vida. O Deputado destacou que os cursos e obradoiros teñen un carácter eminentemente práctico e os asistentes aprenderán a pedir cita no médico ou xestionar a súa propia conta de correo electrónico, Facebook ou Twitter.

Pola súa banda, Pablo Rivera avanzou que estas 25 accións formativas -18 cursos e 7 obradoiros- “melloran a comunicación dos nosos maiores coa sociedade posto que cun maior coñecemento das novas tecnoloxías poden relacionarse a través delas cos seus familiares e amigos de diferentes idades e lugares”. As accións melloran tamén a súa autoestima ó aumentar as súas capacidades e autonomía. O director de Fondos Europeos da Deputación destacou que as actividades realízanse en grupos reducidos para favorecer a aprendizaxe e son breves para facilitar que os participantes poidan apuntarse a varias iniciativas diferentes. O director de Fondos Europeos avanzou que, debido ó éxito de convocatoria destes cursos, proximamente desenvolveranse accións formativas polos Concellos da provincia, facilitando o acceso dos maiores á formación en novas tecnoloxías.

312 prazas gratuítas

Os cursos e obradoiros dispoñibles, que poñen a disposición dos lucenses 312 prazas de xeito totalmente gratuíto, son os seguintes:

Manéxate coas novas tecnoloxías. Coñece o teu ordenador e a túa tablet. Neste caso están organizadas 6 edicións.

Obradoiro Mantemos en forma ó cerebro (Estimulación cognitiva con WII). Neste caso programáronse 2 edicións.

Atréveste con Internet? Axudámosche. Neste caso están programadas 3 edicións.

Organízate co teu móbil. Nivel I

Obradoiro Ximnasia mental coa tablet. Neste caso programáronse 2 edicións.

O carteiro en Internet. Que é o correo electrónico?. Neste caso programáronse 3 edicións.

Que son as redes sociais? Descubre o Facebook e twitter. Neste caso programáronse 2 edicións.

Obradoiro Xogamos co corpo. Estimulación funcional con videoconsola Wii.

Avanza e coñece o que podes facer co teu smartphone. Nivel II

Obradoiro Xogamos coa mente (estimulación cognitiva co ordenador)

O inglés e as tecnoloxías. Queres aprender?

Obradoiro Aprende, comparte e retoca as túas fotografías

Movémonos e xogamos (estimulación motriz con Kinect-Xbox)

Os cursos darán comezo o vindeiro 13 de xaneiro e continuarán ata finais do mes de marzo. Todas as accións formativas terán lugar nas aulas do INLugo, na rúa Frei Plácido Rei Lemos. Os interesados en participar, poden inscribirse a través da páxina www.deputacionlugo.org, na que atoparán máis información acerca de datas e horarios de celebración. Do mesmo xeito, poden poñerse en contacto no teléfono 982-225-186. Tendo en conta que as prazas son limitadas, as inscricións realizaranse por rigorosa orde de solicitude.

Éxito da anterior convocatoria

Os cursos e obradoiros que organiza a Fundación TIC realízanse dentro das actuacións de promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia. Esta actuación está enmarcada no proxecto Innova-TE2, que está cofinanciado nun 80% por fondos europeos.

Na anterior edición dos cursos para maiores participaron 160 persoas que destacaron o acertado enfoque práctico das accións formativas. Moitos deles insistiron en que incluíron nas súas rutinas o aprendido nas sesións, como empregar o correo electrónico, solicitar cita para o médico por internet ou realizar videochamadas para manterse en contacto con amigos e familiares. O servizo de formación do INLugo non só ofrece cursos e obradoiros temáticos senón que contan cun servizo de asesoramento permanente gratuíto para solucionar as dúbidas dos maiores no ámbito das novas tecnoloxías ó que poden acudir en persoa ou poñerse en contacto por Internet ou teléfono.