Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a VII Xornada Técnica de Produción de Leite, que achegará mañá á provincia as últimas innovacións do sector

Lara Méndez, José Carlos Vega, e Juan Novo, presentaron esta cita que se celebrará o xoves, 27 de febreiro, na Facultade de Veterinaria e contará coa participación de importantes expertos do sectorO organismo provincial reforza con esta colaboración o seu compromiso co sector gandeiro e a investigación, que permite mellorar a produtividade das explotacións lucensesA Vicepresidenta destacou a importancia da investigación para mellorar a competitividade das 5.100 explotacións de leite da provincia que reúnen 147.000 cabezas

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada do Presidente da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (AFRICOR-Lugo), José Carlos Vega, e do Presidente da Asociación Frisona galega (AFRIGA), Juan Novo, presentou hoxe a VII Xornada Técnica de Produción de Leite que se celebrará este xoves, día 27de febreiro, na Facultade de Veterinaria. A cita servirá para dar conta dos últimos avances técnicos no eido do gando vacún de leite que, de ser aplicados polos gandeiros, poden mellorar a calidade do seu produto e aumentar así os ingresos nas súas explotacións.

Lara Méndez destacou o peso do sector gandeiro de leite na provincia, xa que Lugo rexistra 5.100 explotacións leiteiras, que reúnen 147.000 vacas de leite. A Vicepresidenta insistiu na necesidade de destinar fondos á investigación “para mellorar a competitividade das explotacións lucenses e como garantía da calidade da que sempre gozou o leite lucense” e recalcou o compromiso da Deputación con este sector. Lara Méndez recordou, concretamente, os investimentos realizados dende o organismo provincial en iniciativas de impulso ó sector, como a posta en marcha do primeiro Centro Público de Recría de España que estará en marcha no 2015; o Fórmate en Verde, que xa impulsou a creación de explotacións de produción de leite ecolóxico, ou o convenio asinado con AFRICOR para mellorar a calidade xenética do gando vacún frisón.

Pola súa banda, o Presidente de AFRICOR-Lugo, José Carlos Vega, agradeceu a colaboración da Deputación e destacou o elevado nivel dos participantes na xornada que poñerán de manifesto importantes conclusións de investigacións que poderán ser aproveitadas polas explotacións lucenses.

Destacados expertos

A VII Xornada Técnica de Produción de Leite celebrarase este xoves, 27 de febreiro, na Facultade de Veterinaria. A cita, que é de asistencia libre e gratuíta, está dirixida a gandeiros, investigadores e interesados no sector en xeral. O programa inclúe 6 conferencias e unha mesa redonda, nas que se abordarán temas xurídicos e técnicos de interese para o sector. Entre os participantes destacan o holandés Eile van der Gaast, product manager de Sloten; Alexandre Domingues, xefe de vendas de Innofarm; e Claudio Baldman, director do Centro de Alimentación da Covap.

Aposta polo sector gandeiro

A Deputación de Lugo aposta polo sector gandeiro da provincia e mantén unha estreita colaboración con diversas entidades como AFRICOR-Lugo, que é a asociación de control leiteiro máis grande de España. Agrupa a 1.750 explotacións lucenses nas que traballan 5.500 persoas, e nas que AFRICOR recolle datos para investigar novas técnicas que aumenten a produción dos seus asociados. Máis aló do emprego directo que xeran estas explotacións leiteiras asociadas, destaca o volume económico da comercialización e distribución do leite, que xera e fixa poboación no rural.