Deputación de Lugo

Villares admite agora que tentou cobrar 20.000 euros dunha empresa por obras ilegais nunha estrada provincial

Imaxe deputación de lugo
Ante a propia confesión do Alcalde de Cervo, a Deputación esixe “unha rectificación pública polos seus enredos e artimañas coa firma adxudicataria, totalmente alleos á entidade provincial e ós veciños” O Deputado de Xestión Territorial cualifica o comportamento do rexedor do PP de “neglixente, irresponsable e de mala praxis”, e asegura que lle debe moitas explicacións, xa non só á Deputación, senón ós cervenses” “A pesar da crise económica, Villares é un dos poucos alcaldes da provincia que rexeita por sistema os proxectos do organismo lugués, como dous plans para aforrar na factura eléctrica e a certificación de calidade para as praias”

Tres días despois de que a Deputación de Lugo o demostrara documentalmente, o Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, admite agora que tentou cobrar 20.000 euros á empresa adxudicataria por obras ilegais nunha estrada provincial ó seu paso pola Senra. Ante a propia confesión do rexedor do PP, o organismo provincial esixe “unha rectificación pública polos seus enredos e artimañas” coa firma, “totalmente alleos á Deputación e dos que non teñen culpa nin os veciños de Cervo, nin os do resto da provincia”, subliñou o voceiro provincial socialista e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez.

Coa súa “disparatada fuxida cara adiante”, o rexedor popular “acabou admitindo todas as súas mentiras”, argumentou Martínez:

“Dixo que o Concello non tivo nada que ver coa obra da Senra. Mentira: foi o Concello o que pediu o investimento e o que solicitou a licenza para executar os traballos”.

“Acusou durante dous anos á Deputación de Lugo de persecución. Mentira: el mesmo recoñece nunha acta oficial e pública do propio Concello que os traballos estaban mal feitos e que foi el o que perseguiu a unha empresa para que lle entregase os cartos da multa. Que pretendía? Incumprir a Lei poñendo en grave perigo ós viandantes e saír impune? Cre que está por riba da legalidade?”

“Agora recoñece o que anteriormente negou: que tratou de cobrar un cheque entregado pola empresa para pagar a multa que lle puxo a Deputación por obras ilegais en propiedade provincial”.

Finalmente, “sae con que o cheque non tiña fondos, que cobrou en falso e que foi enganado supostamente pola empresa, algo que, en todo caso, debe aínda demostrar. Cantas máis explicacións dá, máis se funde no seu propio lodo”.

Por todo isto, ademais de desculpas públicas, o Alcalde de Cervo “débelle moitas explicacións ós veciños”, recalcou Martínez. Entre outras cousas, ten que aclararlles “por que estivo ocultando deliberadamente durante dous anos que recibiu un cheque de 20.000 euros da empresa adxudicataria co único obxectivo de atacar á Deputación e sacar réditos políticos, cando ademais desde esta institución lle demos todas as facilidades para evitar a sanción, ás que non se acolleu”, explicou o Deputado socialista. O comportamento de Villares foi cualificado polo Deputado como “neglixente, irresponsable e de mala praxis”.

Renuncia a investimentos provinciais

A “obsesión” de Villares contra a Deputación, afirmou o socialista, “lévao a renunciar a proxectos moi beneficiosos para os cervenses, que, ademais, lles aforrarían cartos, como dous plans para reducir a factura eléctrica e a certificación de calidade medioambiental ISO 14001 e EMAS para as praias, que aceptaron a maioría dos rexedores. “A pesar da crise económica, o Alcalde é un dos poucos de toda a provincia que rexeita por sistema os programas provinciais”, indicou.

O caso do proxecto de aforro enerxético “é flagrante”, dixo Martínez, pois, en vez de sumarse á iniciativa totalmente gratuíta da Deputación, Villares optou por pagar por un plan da Xunta que ademais inclúe menos actuacións.

En canto á certificación de praias, Cervo perdeu un investimento de 28.000 euros para implantar o selo ISO 14001 e EMAS, os de maior rigor a nivel internacional e que garanten un plus de calidade ós areais.