Deputación de Lugo

A Deputación ofrece este xoves un 'paseo musical' pola Reserva da Biosfera Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
O músico lucense Arturo Vaquero estará mañá ás 19:00 horas no Salón de Actos de San Marcos para explicar o proceso de gravación do CD “Sons das Terras do Miño” Este traballo foi realizado por alumnos do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da Universidade de Santiago de Compostela co que colabora o organismo provincialO CD fai un percorrido por diversos lugares da provincia ó longo das estacións do ano recompilando as paisaxes sonoras máis representativas da natureza lucense

O músico Arturo Vaquero impartirá este xoves, día 13 de marzo ás 19:00 horas, unha charla na que explicará o proceso de gravación e mestura do CD “Sons das Terras do Miño”, realizado por alumnos do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da USC, co que colabora o organismo provincial.

Arturo Vaquero comentará como se xerou a idea, a selección de lugares e datas para a gravación e o minucioso traballo de mestura ata o resultado final. O proxecto baséase no concepto de paisaxe sonora e como se pode facer música con sons cotiás.

En primeiro lugar realizouse unha minuciosa selección de lugares e momentos para a gravación, proceso ó que se lle dedicou preto dun ano para incluír no CD sons de todas as estacións do ano. Así, podemos atopar neste traballo os sons das badaladas da Catedral da capital lucense; os grilos do estío; as fervenzas do Miño; o vento no Páramo; sons nunha granxa de Friol; a Lagoa de Cospeito ou do belén mecánico de Begonte.

Tras a recompilación dos sons desenvolveuse un traballo de experimentación e mestura no estudo ata conseguir unha escoita agradable que trasladase ós ouvintes as paisaxes sonoras máis representativas da provincia.

A Deputación repartirá o CD “Sons Terras do Miño” polos centros educativos de toda a provincia para que poidan empregar este material divulgativo na organización de actividades centradas no medio ambiente.