Deputación de Lugo

Titulados da Escola de Imaxe e Son rodan nesta ponte a curtametraxe Sara co apoio da Fundación TIC

Lugo e Sarria son os escenarios da rodaxe, que arranca hoxe. O sábado estará aberta á participación de calquera interesado, ás 10:00 horas, na zona da Avenida de Madrid da capital luguesaA TIC apoia o proceso de elaboración e promoción do proxecto dentro do seu obxectivo de fomentar a cultura emprendedora entre os alumnos da EIS

A Fundación TIC titoriza o proceso de elaboración e promoción da curtametraxe Sara, un proxecto de alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son (EIS), cuxa rodaxe arrinca esta mañá. Ata o vindeiro sábado, as localidades de Lugo e Sarria serán escenario desta actividade. A Fundación aporta axuda técnica, a participación dun bolseiro e o asesoramento durante o percorrido da curta polo circuíto de concursos.

Esta iniciativa da TIC forma parte do seu obxectivo de fomentar a cultura emprendedora entre os alumnos da EIS como vía de inserción laboral no mercado audiovisual. O proxecto tamén conta coa colaboración da Deputación e do Instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria.

Protagonistas e extras
Sara é unha curta dramática sobre relacións humanas nun mundo distópico, tras unha guerra nuclear. Estará dirixida por Diego Villanueva que, con Jesús Silvosa, é autor do guión. Vanesa Abraldes, Beatriz Meilán e Marcos Codesal serán os actores principais.

Ademais, o sábado a rodaxe estará aberta á participación, como extra, de calquera interesado. Será ás 10:00 horas no parque situado entre a Avenida de Madrid e o Paseo dos Estudantes de Lugo, durante a escena que protagoniza a Charanga Madialeva. O único requisito é vestir roupa escura.