Deputación de Lugo

Lara Méndez: 'Tivemos que empuxar ó PP máis de 40.000 lucenses para que dote a nosa provincia dos mesmos servizos sanitarios que as demais'

Imaxe deputación de lugo
A Vicepresidenta Segunda da Deputación subliñou que “tras ano e medio pelexando por este compromiso do PP, agora toca pasar ós feitos. A Xunta debe cumprir cos prazos acordados para que, dunha vez por todas, deixe de tratar ós lucenses como cidadáns de segunda”O Goberno galego debe dotar ó Hula de Hemodinámica as 24 horas nun prazo máximo de 6 meses, e Radioterapia e Medina Nuclear nun ano. Tamén ten que levar un centro de saúde e un PAC ó Hospital Xeral, que mantén abandono dende hai máis de 3 anos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez López, asistiu este martes á sesión do Parlamento na que se debateu a Iniciativa Lexislativa Popular en reclamo de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear para o Hula. Lara Méndez destacou que “tivemos que empuxar ó Partido Popular máis de 40.000 persoas para que rectificase e apoie dar ós lucenses os mesmos servizos sanitarios que ó resto de galegos. Lugo é a última provincia para o PP”.

“Tras ano e medio pelexando por este compromiso do PP, agora toca pasar ós feitos. A Xunta debe cumprir cos prazos acordados por unanimidade para que, dunha vez por todas, deixe de tratar ós lucenses como cidadáns de segunda. Nun prazo máximo de 6 meses, ten que dotar ó Hula de Hemodinámica as 24 horas, e nun ano, de Radioterapia e Medicina Nuclear, tal e como recolle a ILP acordada hoxe. Controlaremos e esixiremos o cumprimento destes prazos, apoiando ós miles de lucenses que así o demandan”, subliñou Méndez.

“Tamén defenderemos as reivindicacións dos veciños do barrio da Residencia, que levan anos esperando a que a Xunta sitúe no antigo Hospital Xeral un centro de saúde e un PAC. Dende 2001, os veciños desta zona, co apoio de institucións, como Deputación e Concello de Lugo, e sindicatos, celebraron ducias de manifestacións e marchas en reclamo da supervivencia do barrio. O PP fixo caso omiso as nosas peticións durante más de 3 anos pero hoxe, coa aprobación desta iniciativa, conseguimos que, publicamente, a Xunta se comprometa co barrio da Residencia”, destacou a Vicepresidenta.

Apoio recoñecido

Membros da Comisión do Hula, integrada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e a Asociación Abre la Muralla, recoñeceron persoalmente o apoio da Deputación de Lugo ás súas reivindicacións. E é que o organismo provincial aprobou varias mocións no Pleno, esixindo á Xunta Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear para o Hula, así como servizos para o antigo Hospital Xeral. Todos os Deputados do Goberno Provincial apoiaron a campaña de recollida de sinaturas para a presentación da ILP que se debateu hoxe. Ademais, a Deputación secundou as manifestacións celebrada neste senso, tanto as dúas en reclamo de servizos para o Hula, que tiveron lugar en xaneiro e xuño de 2013, sendo esta última a máis multitudinaria na provincia, ó acadar a participación de 18.000 persoas; como as organizadas polos veciños do barrio da Residencia.

Precisamente, “como mostra da sensibilidade e involucración da Deputación”, a Comisión do Hula adiantou a finais de novembro de 2013, nun encontro no Pazo de San Marcos co Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, o peche da campaña de recollida de sinaturas logo da ponte da Constitución, esperando o apoio de máis de 40.000 persoas, cifra que superaron. Hai que ter en conta que para presentar unha iniciativa parlamentaria popular son precisas 15.000 sinaturas. A Comisión do Hula case triplicou esta cantidade.