Deputación de Lugo

A Deputación inaugura na Capela Unha insua para Díaz Castro, a exposición coa que conmemora o Día das Letras Galegas

- Gómez Besteiro inaugurou a mostra adicada á figura do poeta “dunha Galicia vivificadora” que cantou con “mística e lírica voz, á beleza, ó resplandor das cousas e dos seres máis humildes” - A exposición reúne pezas de artesanía, vídeo, fotografías e outras instalacións nunha distribución de oito módulos que intentan transmitir ó espectador os motivos de inspiración do autor - A mostra permanecerá na Capela as vindeiras dúas semanas para pasar logo a ser exposición permanente do Obradoiro do Libro do Pavillón 4 do Centrad, nos horarios habituais de ambos espazos. Nos dous casos, a entrada é libre e gratuíta.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou hoxe a mostra Unha insua para Díaz Castro, coa que a institución provincial conmemora o Día das Letras Galegas rendéndolle homenaxe ó poeta guitiricense. O acto, no que tamén estivo presente a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e a comisaria da mostra, Cristina de la Torre, arrincou coa actuación da bailarina e coreógrafa Rut Balbís, quen interpretou unha danza inspirada na obra do poeta, que todos os que se acheguen ata a Capela poderán ver, xa que esta formará parte dunha vídeo-instalación presente na mostra.

Gómez Besteiro lembrou a figura do poeta que cantou con “mística e lírica voz, á beleza, ó resplandor das cousas e dos seres máis humildes”; o poeta galego dunha Galicia “vivificadora que sempre defendeu”. O Presidente, quen felicitou á comisaria da mostra “na que prima o sentimento sobre a materia”, desexou que, tanto esta exposición como “cantos recoñecementos se lle están a tributar nesta ano, redunden na pervivencia da súa obra, que sitúa a Xosé María Díaz Castro entre os grandes das Letras Galegas”.

As insuas de Guitiriz
Unha insua para Díaz Bermúdez é unha exposición conformada en oito módulos que intenta transmitir ó espectador os motivos de inspiración de Díaz Castro, o seu universo creativo, centrado na súa terra natal. Unha mestura de pezas de artesanía, vídeo, fotografías e outras instalacións, está pensada para ofrecer  “unha mirada peculiar sobre o universo do autor”, tal e como destacou a comisaria da mostra, así como sobre a Terra Chá e Guitiriz, e o contexto no que naceron as súas obras máis representativas.

A mostra reúne obras audiovisuais, textos e sons procedentes de diferentes arquivos, cedidos especialmente para a ocasión pola Editorial Galaxia, así como do arquivo persoal do poeta cedido polos seus familiares e polo responsables da Asociación Xermolos, Alfonsdo Torrado, quen é depositario do seu legado.

Unha insua para Díaz Castro conta coa colaboración de Marcos Ladra, artesán da madeira, e Ramón Villar, canteiro, que realizaron pezas creadas especialmente para a mostra, que dan a impresión de estar en constante creación, xunto coa da bailarina Rut Balbís.

Horarios da exposición
A mostra permanecerá aberta dúas semanas na Capela de Santa María, onde poderá ser visitada nos horarios habituais deste espazo expositivo: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. Logo destas dúas semanas trasladarase ó pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño, onde pasará a ser parte dos fondos propios do Centrad, como exposición permenente no Obradoiro do Libro. Alí poderá ser visitada no horario habitual do Centro, de luns a venres, en horario ininterrompido de 9:00 a 19:00 horas. En ambos casos, a entrada é totalmente libre e gratuíta.