Deputación de Lugo

A Deputación mellorou o acceso á canle de reprodución de 30.000 troitas do Ulla

- García Porto e Santos Ramos supervisaron as melloras de 12.000 euros na vía de acceso ó único canle de reprodución de troitas no río Ulla - Ampliación do cemiterio de Vilanuñe, acondicionamento do local social de Olveda e arranxo da canalización de auga en Gradoi, son as restantes obras en Antas de Ulla, financiadas con outros 22.000 euros do Plan de Comunidades Veciñais

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, supervisaron este martes as obras de mellora no acceso ó único canle de reprodución de troitas que existe no río Ulla, afincado nas Quendas, no Concello de Antas de Ulla, onde se crían 30.000 exemplares ó ano.  

O organismo provincial financiou na súa totalidade estas actuacións, que consistiron na mellora con rego asfáltico, con 12.000 euros, mediante o Plan de Comunidades Veciñais. O colectivo beneficiado é a Asociación de Pescadores do Ulla, que conta con máis de 320 socios dos municipios de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. A institución luguesa favorece deste xeito o labor deste colectivo en prol da biodivesidade. Os 30.000 exemplares de troitas entran na canle con 4 centímetros para o seu engorde ata os 18 centímetros, cando entran no río.

Os Deputados comprobaron o estado das restantes obras en Antas de Ulla, financiadas ó 100% polo organismo provincial con dita programación, aforrando cartos ás arcas municipais. É o caso da ampliación do cemiterio de Vilanuñe, parroquia que conta con medio cento de veciños, dotada de 7.500 euros; o acondicionamento do local social dos 100 veciños de Olveda, con 12.000 euros; ou o arranxo da canalización ó tanque de auga de Gradoi, con 2.500 euros. En total, suman 34.000 euros as subvencións que a Deputación achegou a Antas de Ulla co Plan de Comunidades Veciñais para 2013.