Deputación de Lugo

Martínez: “Nunca a oposición na Deputación tivo tanta información como agora”

Imaxe deputación de lugo
- “Mentres hai Deputados que levamos 16 anos esperando por información da etapa dos populares, o Partido Popular ten todos os días á súa disposición documentación para revisar”- “Soamente o ano pasado entregáronselle máis de 3.000 copias de decretos, ás que hai que engadir as correspondentes a outros documentos, e estamos tramitando a resposta doutros 1.000 expedientes, entre eles o das obras da UNED”- “O mesmo día que pediu información sobre a UNED, respondémoslle, dándolle conta que a súa solicitude xa fora trasladada ós servizos competentes para facilitarlle a documentación correspondente” (VER DOCUMENTO ADXUNTO)

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou hoxe que “nunca a oposición na Deputación tivo tanta información como agora. A dilixencia deste Goberno Provincial está a anos luz do que facía o PP. Mentres hai Deputados que levamos 16 anos esperando por información da etapa dos populares, nós damos resposta a todas e cada unha das peticións de documentación da oposición. O PP ten todos os días á súa disposición información para revisar. Soamente o ano pasado entregáronselle máis de 3.000 copias de decretos, ás que hai que engadir as correspondentes a outros documentos. Estamos tramitando a resposta doutros 1.000 expedientes que solicitou, entre eles o das obras da UNED. É máis, o mesmo día que o PP pediu esta información, respondémoslle, dándolle conta que a súa solicitude xa fora trasladada ós servizos competentes para facilitarlle a documentación correspondente”.  (VER DOCUMENTO ADXUNTO)

Martínez remarcou que “mentres Núñez Feijóo deixou sen responder 6 de cada 10 preguntas presentadas pola oposición en 2013 no Parlamento, Gómez Besteiro contestou 126 de 143 solicitudes desde 2011. As restantes non se responderon por ser información non concreta, documentos que deben solicitarse noutro órgano ou institución, ou incluso porque o PP renunciou á súa consulta”.

“Cando o PP gobernaba, a oposición consultaba a pouca información á que tiña acceso nos pasillos do Pazo de San Marcos”. En contraposición, hoxe o PP conta cun espazo na Secretaría Xeral da Deputación para consultar todos os expedientes que require, así como fotocopiadora; todas as semanas recibe unha relación do Rexistro de Entrada de Documentos, a orde do día e a acta das Xuntas de Goberno; consulta todos os decretos e resolucións da Presidencia e obtén cumprida información económico financeira cada tres meses no Pleno. O actual Goberno aprobou de feito un Regulamento Orgánico para garantir a transparencia e facilitar ó máximo o labor da oposición.

A maiores, dende a chegada do actual Goberno Provincial, a oposición dispón, por 1ª vez, de dous locais de traballo e equipos informáticos, ademais de 3 asesores, cun custe anual para a Deputación de case 122.000 euros. O PP conta tamén con 5 deputados con dedicacións que suman preto de 200.000 euros ó ano.
Sobresaínte en transparencia
A Deputación de Lugo pasou de ser declarada oficialmente no ano 2007 polo Valedor do Pobo como ‘hostil e entorpecedora’ a situarse no 2013 entre as institucións provinciais de España máis transparentes. A organización Transparencia Internacional en España concedeu un sobresaínte á institución luguesa no seu último estudo sobre o nivel de transparencia das Deputacións en España, con 92,5 puntos sobre os 100 máximos. “Mentres a Deputación contesta agora en prazo a todas as peticións do Valedor, o PP nin recoñecía esta figura”, asegurou Martínez. Como exemplo, indicou que nos últimos tres anos dos populares á fronte do Goberno provincial –de 2003 a 2006- quedaron sen responder a metade das solicitudes do Valedor, “que chegou a pedir ata 5 veces a mesma documentación sen obter ningunha resposta”.