Deputación de Lugo

Arrancan mañá na Fonsagrada as xuntanzas da Deputación cos veciños para elaborar os Orzamentos Participativos

Imaxe deputación de lugo
- O encontro terá lugar no salón de actos Os Chaos, ás 20:30 horas. Poden participar maiores de 16 anos empadroados en calquera concello do partido xudicial da Fonsagrada: o propio municipio fonsagradino, Baleira, Navia, Negueira e Ribeira de Piquín - Os asistentes cubrirán unhas fichas nas que opinarán e elixirán cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do presuposto provincial do 2015 en base a 12 área de actuación - Ademais de nestas xuntanzas, os veciños tamén poden participar a través do portal www.orzamentosparticipativos.org e das redes sociais

As xuntanzas que a Deputación de Lugo manterá cos veciños nos 9 partidos xudiciais da provincia para elaborar os orzamentos participativos arrancan mañá luns na Fonsagrada. O encontro terá lugar no salón de actos Os Chaos, ás 20:30 horas, e nel poden participar todas as persoas maiores de 16 anos que estean empadronadas en calquera dos Concellos do partido xudicial da Fonsagrada: o propio municipio fonsagradino, Baleira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín. A Deputación avanza deste xeito no proxecto de elaboración do 1º orzamento particitativo dunha Deputación en España, no que leva traballando o organismo provincial lucense dende hai medio ano para que poida entrar en vigor no 2015.  
 
O encontro de mañá na Fonsagrada desenvolverase do seguinte xeito:
- Haberá unha introdución, na que se dará conta do contexto xeral do orzamento da Deputación (a súa evolución, o descenso da débeda, as partidas para gastos de persoal ou o recorte nas transferencias do Estado); e farase un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente.

- Entregaranse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base as seguintes 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medioambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Elixirán un máximo de 3 áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria.

- Os veciños cubrirán ditas fichas, engadindo os datos persoais, e garantindo a súa protección, co fin de corroborar a identidade dos participantes. Deben ser maiores de 16 anos e estar empadroados nun municipio do partido xudicial onde se fai a consulta. Para garantir esta premisa, na ficha incluirase unha declaración xurada, onde o cidadán manifesta que reside no municipio que indicou e que a súa participación é para dito Concello. Os cidadáns recibirán un resgardo oficial, acreditando a súa participación. 
finalmente, abrirase un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e aportacións.

Despois da Fonsagrada, as xuntanzas participativas continuarán co seguinte calendario: Viveiro, 1 de xullo; Monforte, día 8; Vilalba, día 15; Sarria, 17; Chantada, 22; Becerreá, 29; Mondoñedo, 30; e Lugo, 31.   

Ademais desta ferramenta de participación, a través de encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outras dúas vías: on line, no portal www.orzamentosparticipativos.org, xa activo; e por medio das redes sociais, unha canle consolidada no organismo provincial.

Os seguintes pasos
Ata finais de xullo os veciños opinarán sobre as súas prioridades nas xuntanzas participativas por partido xudicial a través destas tres canles. En base ó manifestado polos cidadáns, durante os meses de agosto e setembro unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai este Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.