Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a 4ª edición do Surf Camp, duplicando a formación gratuíta

- O Presidente presentou a programación que se desenvolverá os días 27, 28 e 29 de xuño en Viveiro, Barreiros e Foz, e que inclúe actividades gratuítas para toda a familia - Ofrécense clases de surf con destacados profesionais en España, habendo nivel de iniciación, perfeccionamento e profesional; así como multiactividades deportivas - Mañá ábrese o prazo de solicitude en www.deputacionlugo.org para as preto de 20 horas de formación e máis de 280 prazas gratuítas da 4º edición do Surf Camp

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ó Director de Fondos Europeos da institución luguesa, Pablo Rivera, presentou este luns a 4ª edición do Surf-Camp, que terá lugar os días 27, 28 e 29 de xuño nas praias da Mariña. É a programación, financiada nun 80% con fondos europeos do programa medioambiental da Deputación Lug02, que “contribúe a un maior coñecemento da riqueza paisaxística da provincia cunha actividade respectuosa co medioambiente, como é o surf; dinamiza a económica, mobilizando a centos de persoas á Costa lucense, e desestacionaliza o turismo”, remarcou Gómez Besteiro. Nas anteriores convocatorias, houbo centos de participantes, chegados da metade norte do país, acadando unha ocupación hoteleira de entre o 80% e o 100% en determinadas zonas. Este ano, duplícase a formación gratuíta da man de profesionais do surf en España, ofrecendo por vez primeira distintos niveis segundo o grao de coñecemento, e increméntase o número de prazas, tamén a custe cero, para todas as actividades incluídas na programación.  

A 4º edición do Surf-Camp inclúe actividades gratuítas para toda a familia durante 3 días en Viveiro, Barreiros e Foz, ofrecendo preto de 20 horas formativas e un mínimo de 280 prazas, cifra que poderá superarse posto que hai actividades sen límite de localidades. O ano pasado, ofrecéronse un total de 200 prazas.

  • O venres, 27 de xuño, a xornada arrancará ás 19:00 horas no municipio viveirense, cunha xornada formativa, con prazas para unhas 100 persoas, na que profesionais do surf abordarán as peculiaridades e vantaxes deste deporte.
  • O sábado, 28 de xuño, haberá actividades en Barreiros e Viveiro. Nas praias barreirenses, destacados expertos nacionais do surf ofrecerán clases gratuítas durante toda a xornada (pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas e, pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas). Ofrécense 3 niveis: iniciación, con prazas para 40 persoas; perfeccionamento, con 20 prazas, e profesional, con outras 20 (neste caso, os participantes percorrerán a Mariña na busca das mellores ondas). En Viveiro, dende as 17:30 e ata as 20:00 horas, haberá multiactividades deportivas (segwey, skates eléctricos, simulador de surf, longskate, gyroboard...).
  • O domingo, 29 de xuño, o Surf Camp continuará nas praias de Foz, con máis clases de surf e multiactividades deportivas totalmente gratuítas, que arrancarán as 12:00 horas e se prolongarán durante todo o día. Serán 100 as prazas dispoñibles.

Inscricións
O prazo de solicitude abrirase mañá en www.deputacionlugo.org. Máis información na web do organismo provincial, en http://km0surfcamp.deputacionlugo.org, en @surfcamplugo ou en facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo.

Co evento surfeiro lucense colaboran os 7 clubes existentes na Comarca da Mariña, e que reúnen a 250 socios, aínda que o número non deixa de medrar. Trátase de: Hola!Ola Surf Club de Ribadeo, North Shore Surf Club de Barreiros, Surfiños Surf Club e Sensación Surf Club de Foz, Limosa Surf Club de San Cibrao, Oxígeno Surf Club e Van Surf Club de Viveiro.