Deputación de Lugo

Cubertas nun só día a metade das prazas para participar no 4º Surf–Camp da Deputación

Imaxe deputación de lugo
- Continúa aberto o prazo para os interesados en participar nestas xornadas de surf únicas na comunidade galega, podendo realizar a inscrición no teléfono 633-859-227 - O Surf–Camp, que se desenvolverá os días 27, 28 e 29 de xuño, ofrece preto de 20 horas de formación e máis de 280 prazas gratuítas para toda a familia - Os areais de Viveiro, Barreiros e Foz acollerán a destacados surfistas profesionais como Aitor Francesena, Estitxu Estremo, Luis Rodríguez e Daniel García, que ofrecerán clases de iniciación, perfeccionamento e de nivel profesional

Nun só día cubríronse a metade das prazas para o Surf–Camp impulsado pola Deputación, únicas xornadas na comunidade galega nas que se ofrece, de xeito totalmente gratuíto, a posibilidade de surfear da man de profesionais destacados e recibir as súas ensinanzas. Todos os interesados en participar neste encontro deportivo gratuíto e para toda a familia, que terá lugar en Viveiro, Barreiros e Foz os días 27, 28 e 29 de xuño, poden inscribirse aínda no teléfono 633-859-227.O Surf–Camp ofrece preto de 20 horas de formación e máis de 280 prazas a custe cero, que poderán superarse posto que hai actividades sen límite de localidades. Na pasada edición ofrecéronse un total de 200 prazas e por mor da avalancha de solicitudes recibidas, nesta convocatoria auméntanse para todas as actividades incluídas na programación e duplícase a formación gratuíta ofrecendo por primeira vez distintos niveis segundo o grao de coñecemento das técnicas de surf.

As xornadas contarán con destacados profesionais e figuras relevantes desta práctica deportiva ecolóxica e sostible, como as seguintes:

  • Estitxu Estremo: esta deportista de élite de surf dende o ano 2000 foi tamén monitora en escolas de renome do panorama nacional, membro da Selección Nacional Absoluta dende o ano 2000 ó 2005 e campioa de Europa Absoluta de Surf e Longsboard, nos anos 1997-1999 e 2010, respectivamente.
  • Aitor Francesana: seleccionador nacional de surf e espírito superador que experimenta as olas a través de sensacións debido a perda de visión que sofre. Preparador do primeiro español en clasificarse ó WCT, Aritz Aramburu.
  • Luis Rodríguez: o 2º surfista galego máis laureado dos últimos tempos, premiado ó mellor Wipeout durante o Punta Galega EVE Challenge 2012.
  • Daniel García: surfista veterano, avalado polos 30 anos que leva surcando as olas. Imparte clases na súa propia escola en Cantabria e foi vencedor da primeira proba combinada de surf e snowboard celebrada na comunidade cántabra o pasado ano, o “Obsession–A2 Fussion 2013”.

Para máis información, como as actividades que conforman o programa, así como novidades; estarán dispoñibles as webs www.deputacionlugo.org. e http://km0surfcamp.deputacionlugo.org, ademais de en Twitter @surfcamplugo ou en facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo.
Fondos europeos
O organismo provincial reedita estas xornadas deportivas tras o éxito acadado as pasadas convocatorias nas que houbo centos de participantes, chegados da metade norte do país, acadando unha ocupación hoteleira de entre o 80%  e o 100% en determinadas zonas. O Surf–Camp está financiado nun 80% con fondos europeos do programa medioambiental da Deputación Lug02 e enmárcase na aposta da Deputación por impulsar e dar a coñecer a riqueza paisaxística da provincia. Os obxectivos deste programa repleto de actividades respectuosas co medio ambiente son mobilizar a centos de persoas á Costa lucense, para dinamizar a economía e desestacionalizar o turismo nestas zonas.

Actividades gratuítas para toda a familia
- O venres, 27 de xuño, a xornada arrancará ás 19:00 horas no municipio viveirense cunha xornada formativa, con prazas para unhas 100 persoas, na que profesionais do surf abordarán as peculiaridades e vantaxes deste deporte.

- O sábado, 28 de xuño, haberá actividades en Barreiros e Viveiro. Nas praias barreirenses, destacados expertos nacionais do surf ofrecerán clases gratuítas durante toda a xornada (pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas e, pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas). Ofrécense 3 niveis: iniciación, con prazas para 40 persoas; perfeccionamento, con 20 prazas, e profesional, con outras 20 (neste caso, os participantes percorrerán a Mariña na busca das mellores ondas). En Viveiro, dende as 17:30 e ata as 20:00 horas, haberá multiactividades deportivas (segwey, skates eléctricos, simulador de surf, longskate, gyroboard...)

- O domingo, 29 de xuño, o Surf Camp continuará nas praias de Foz, con máis clases de surf e multiactividades deportivas totalmente gratuítas, que arrancarán as 12:00 horas e se prolongarán durante todo o día. Serán 100 as prazas dispoñibles.

Co evento surfeiro lucense colaboran os 7 clubes existentes na Comarca da Mariña, e que reúnen a 250 socios, aínda que o número non deixa de medrar. Trátase de: Hola!Ola Surf Club de Ribadeo, North Shore Surf Club de Barreiros, Surfiños Surf Club e Sensación Surf Club de Foz, Limosa Surf Club de San Cibrao, Oxígeno Surf Club e Van Surf Club de Viveiro.