Deputación de Lugo

O PP vota en contra de comprometer servicios sanitarios para Lugo e de construír o Museo da Romanización

- Os populares demostraron no Pleno que lle dan as costas ós lucenses, “antepoñendo os intereses de Feijóo ós dos veciños da provincia”, asegurou Álvaro Santos - O PP chegou a afirmar que dotar ó HULA de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica 24 horas “é discriminación positiva” para Lugo,  unhas declaracións que Santos cualificou de “vergoñentas” - “Hoxe é un día de satisfacción, un día grande para esta institución porque aprobamos un acordo que permite que volva á casa o legado de Álvaro Gil”, subliñou o Presidente- A Deputación aproba unha nova redución de débeda financeira, de 4,8 millóns de euros, que lle permite avanzar cara o obxectivo do endebedamento cero no 2016  

O Grupo Provincial do PP demostrou no Pleno ordinario deste martes que “lle dá as costas ós lucenses antepoñendo os intereses de Núñez Feijóo ós dos veciños da provincia” ó votar en contra de comprometer servizos sanitarios para Lugo e de construír o Museo da Romanización, dúas propostas que foron aprobadas co apoio do equipo de goberno.

O Partido Popular chegou a asegurar na sesión plenaria que dotar ó HULA de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica 24 horas, garantindo que os veciños da provincia teñan a mesma cobertura sanitaria que os do resto de Galicia, “é discriminación positiva”. Afirmou tamén que a Xunta creará estes servizos “cando poida” e puxo en dúbida os estudos clínicos que confirman que Lugo ten un índice de mortalidade máis elevado que outras zonas da comunidade autónoma nas patoloxías para as que non ofrece tratamento o HULA.

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, cualificou de “vergoñentas” estas manifestacións, que, ademais, revelan que o PP provincial carece de “veracidade, dignidade e de vocación de representación ós cidadáns”, ó igual que Núñez Feijóo, cuxos compromisos “non valen absolutamente nada”. Reprochou neste senso a “manobra de escapismo” protagonizada polo PP en Santiago xa que, tras votar no Parlamento a favor da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola cidadanía de Lugo que pide garantir a igualdade de servizos sanitarios para todos os galegos con independencia de onde residan, presentou emendas que “desvirtúan o contido da proposta, alongan os prazos e permítenlle a Feijóo continuar coa súa permanente discriminación a Lugo. Queren cargarse a ILP porque non coincide coas prioridades da Xunta”.

Santos ratificou que a Deputación “mantén intacto o compromiso coas demandas veciñais”. “Poñémonos do lado dos lucenses, mentres o PP se sitúa do lado de Feijóo”, engadiu, como precisamente demostra que a proposta para esixir a retirada inmediata de ditas emendas fose aprobada polo Goberno provincial co rexeitamento dos populares.
 
“Que lle fixo Lugo a Feijóo?”
O PP tamén votou en contra doutra iniciativa que saíu adiante co apoio do equipo de goberno da Deputación para demandar á Xunta de Galicia que se faga cargo do mantemento do antigo cuartel de San Fernando e realice os trámites necesarios para transformalo no Museo da Romanización, un proxecto “moi importante para a cidade de Lugo e a provincia”, que supón “creación de emprego e atracción de turistas”, indicou a Deputada Sonia Méndez, quen defendeu a proposta do goberno.

Os populares recoñeceron que este proxecto “non é prioritario para a Xunta”, ante o que Méndez preguntou “que lle fixo Lugo a Feijóo? Por que ten que ser sempre vítima dos seus recortes?”. A Deputada incidiu neste senso en que o Goberno galego discrimina á cidade con respecto a outros territorio de Galicia, lembrando a súa aposta por outros museos históricos da comunidade, así como o compromiso que realizou Núñez Feijóo de rehabilitar “custe o que custe” o santuario de Muxía, “a pesar de que non é titularidade da Xunta”. “Facer o Museo da Romanización é cuestión de vontade política”, afirmou.

“Hai diñeiro para outras cousas, pero nunca para Lugo”, sinalou Sonia Méndez, ademais de reprocharlle ó PP que cuestionase a validez do acordo de 2008 entre o Concello de Lugo e a Consellería de Cultura para construír en San Fernando o Museo da Romanización: “é un acordo asinado por dúas institucións que se deben lealdade”.

A Deputada lembrou que, dende a entrada do PP no Executivo autonómico, o proxecto “non deixa de sufrir retrasos”. A isto súmase o “flagrante incumprimento da Xunta coas súas obrigas co patrimonio galego” ó non asumir o mantemento do edificio, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), razón pola que o Concello se viu na obriga de tomar medidas urxentes.  

Nova redución da débeda en 4,8 millóns
A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, anunciou que, grazas a unha xestión eficaz e responsable, a Deputación pechou o 2013 con superávit, o que lle permite executar por segunda vez no que vai de ano unha redución de débeda financeira non prevista nos Orzamentos, neste caso de 4,8 millóns de euros. Con esta nova amortización, a institución provincial pechará o 2014 con 21,9 millóns; o 2015, con 12 millóns, e acadará o obxectivo do endebedamento cero no 2016, concretou o Presidente.

García Porto subliñou que, segundo os datos oficiais e públicos do Ministerio de Facenda, a lucense é unha das deputacións españolas menos endebedadas, en termos absolutos e tamén por habitante. De feito, “dos 342 euros por habitante que existían no último ano de goberno do Partido Popular, pasamos a 92 euros por lucense ó peche de 2013, e isto, mantendo ó mesmo tempo os investimentos, pois tamén estamos á cabeza das deputacións galegas que destina unha maior porcentaxe do seu orzamento a investimentos, e somos, moi de lonxe, a que máis inviste por habitante”.

O legado de Álvaro Gil “volve á casa”
Cumprindo cos prazos anunciados polo Presidente, o Pleno aprobou, coa abstención do PP, o acordo que permitirá á Deputación recuperar a colección de ourivaría de Álvaro Gil e convertela para sempre en patrimonio de todos os lucenses. Con este novo éxito conxunto do equipo de goberno que pon fin a 14 anos de litixios, “saldamos outra débeda histórica coa provincia, despois de ter desbloqueado a transferencia dos hospitais, pagar o canon hidroeléctrico, poñer en marcha os parques de bombeiros, construír a sede da UNED de Lugo e recuperar para o patrimonio da Deputación o Pazo de Tor”, destacou Gómez Besteiro.

“Hoxe é un día de satisfacción, un día grande para esta institución porque aprobamos un acordo que permite que volva á casa o legado de Álvaro Gil, a pesar da operación calamar do PP, que estende tinta e tinta para trata de distraer e confundir, e demostra unha desinformación que asusta”, engadiu o Presidente en relación coas críticas vertidas polos populares sobre o acordo cos herdeiros do mecenas.

Unha vez que o Pleno deu luz verde ó acordo, a Xunta de Goberno aprobará as prescricións técnicas e de cláusulas administrativas que rexerán o contrato de compra venda que asinarán a Deputación e a familia de Álvaro Gil. As 40 pezas de ourivaría estarán de novo expostas no Museo Provincial entre finais de agosto e principios de setembro.