Deputación de Lugo

GADIS e FADEMUR súmanse á campaña de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra, impulsada pola Deputación

- 51 establecementos de GADIS en Lugo e Ourense contan con libros oficiais da UNESCO. GADIS tamén buscará apoios nas súas redes sociais, que teñen 130.000 seguidores - As mulleres de FADEMUR, que son máis de 12.000 en toda Galicia de 74 asociacións, recabarán sinaturas dentro da súa campaña Son de campo - A Deputación acadou o apoio de máis de 10.000 persoas dende que puxo en marcha a campaña de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

GADIS e FADEMUR súmanse á campaña de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, posta en marcha pola Deputación de Lugo. Así o anunciou hoxe o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto en Ribas de Sil. “Queremos seguir sumando esforzos e ilusión. A Humanidade merece seguir sumando patrimonio como a Ribeira Sacra e as súas capacidades: caza, pesca, viño, cereixas...”, destacou Gómez Besteiro.

Un total de 51 establecementos de GADIS en Lugo e Ourense (32 lucenses e 19 ourensáns) contarán, xa dende hoxe e ata o 31 de xullo, con libros oficiais da UNESCO para recoller sinaturas en apoio da candidatura da Ribeira Sacra. O director de marketing de GADISA, Antonio Cortés, destacou que “en GADIS gústanos estar ó lado das persoas. Dentro do noso plan de sostenibilidade corporativa vamos a recoller sinaturas nos nosos establecementos e a través das nosas redes sociais, que teñen 130.000 seguidores”.

As mulleres de FADEMUR, que son máis de 12.000 en toda Galicia de 74 asociacións, tamén terán a oportunidade de asinar no libro. A Presidenta de FADEMUR, Rosa Arcos, avanzou que incorporarán esta iniciativa na campaña Son de campo, coa que pretenden visualizar a produción rural. “Para nós a Ribeira Sacra é a esencia do medio rural no que cremos, modelo de sustentabilidade e onde o xeito de traballar das mulleres contribúe a mantelo”, subliñou.
 
No acto tamén participaron, o Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, que agradeceu o feito de que este encontro tivese lugar neste Concello; e a Presidenta do Grupo El Progreso; Blanca García, que remarcou a riqueza da Ribeira Sacra.

Máis de 10.000 sinaturas
A Deputación de Lugo iniciou o 8 de outubro do pasado ano, unha campaña de recollida de sinaturas para sumar apoios á candidatura da Ribeira Sacra, sendo xa máis de 10.000 persoas ás que asinaron nos libros oficiais da UNESCO. O Presidente da Deputación lembrou as campañas realizadas para conseguir a declaración doutros bens galegos, como a Muralla de Lugo, a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago ou a Torre de Hércules, e destacou que a implicación da cidadanía foi fundamental para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, encargado de presentar a proposta ante a UNESCO, se decidira a favor das candidaturas presentadas.
A campaña itinerante partiu da capital da provincia, onde aproveitou a afluencia de visitantes polas festas de San Froilán, para percorrer logo os 13 Concellos lugueses da Ribeira Sacra, recollendo sinaturas nun libro oficial da UNESCO, e ofrecendo información e material promocional da zona. Os veciños de A Pobra de Brollón, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda xa subiron a bordo do autobús rotulado coa Ribeira Sacra.

A Deputación de Lugo convidou ós 67 Concellos lugueses e a centos de colectivos da provincia, ós que enviou o modelo de adhesión ó convenio a finais do pasado ano, a participar neste iniciativa; ó tempo que o publicou na súa web, www.deputacionlugo.org, o modelo de adhesión, para que todos os interesados poidan adherirse en calquera momento.