Deputación de Lugo

A Deputación acolle o xoves a xornada gratuíta e aberta: Micropemes e autónomos fronte ó reto de incrementar as vendas

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial organiza esta iniciativa no marco do Dinamíza-TE, na que expertos no sector empresarial abordarán medidas coas que aumentar beneficios a curto prazo - Segue aberta en www.deputacionlugo.org a solicitude para que autónomos e micropemes lucenses reciban asesoramento gratis e individual co que impulsar os seus establecementos

A Deputación acolle o xoves, 12 de xuño, ás 19:30 horas, a xornada aberta e gratuíta Micropemes e autónomos fronte ó reto de incrementar as vendas. O organismo provincial organiza esta iniciativa en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e coa Asociación Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE).

Expertos no sector empresarial tratarán os seguintes temas: modelos de reorientación de negocio, medidas coas que aumentar beneficios a curto prazo, identificación de necesidades non cubertas para reformular propostas de valor, elaboración dunha estratexia comercial, segmentación de clientes, canles de vendas, publicidade e marketing.

A institución luguesa organiza esta xornada no marco do Dinamíza-TE, a programación que busca impulsar os establecementos de autónomos e micropemes lucenses. A Deputación mantén aberto prazo de solicitude para que 300 profesionais da provincia reciban asesoramento gratuíto co Dinamíza-TE. Máis de 200 autónomos e micropemes se inscribiron ata o momento. Os interesados poden facelo ata o 20 de xuño en www.deputacionlugo.org. Máis información na propia web ou no 982-26-00-08.

O Dinamíza-TE ofrece os seguintes tipos de asesoramento, a escoller entre os participantes:

  • Asesoramento en implantación de novas tecnoloxías: proporanse solucións software de negocio. Por exemplo, implantación de infraestruturas de TIC básica ou avanzada; ferramentas de produtividade, facturación, contabilidade, ERP, CRM, Certificado dixital, cursos de formación no ámbito TIC, Xestión de fluxos de clientes...
  • Asesoramento en xestión comercial: determinaranse novas liñas de actuación na xestión de mercados e clientes. Por exemplo, novas áreas xeográficas e canles de venda, métodos de captación e fidelización de clientes, medios e ferramentas de promoción on – line...

Ámbolos tipos de asesoramento inclúen accións de mellora encamiñadas a impulsar a estratexia de márketing dixital. Para elo, farase unha completa avaliación das páxinas web (deseño, usabilidade, navegabilidade, ...); do posicionamento nas redes sociais, da reputación online, dos beneficios dun blog, da xeolocalización nas principais plataformas...

Beneficios e orientacións
Acceso a mercados nacionais e internacionais, aumento e fidelización de clientes ou melloras organizativas no traballos, son algúns dos beneficios deste propósito. Os participantes recibirán da man dun equipo de profesionais, unha diagnose das necesidades e oportunidades dos seus negocios así como a elaboración dun plan de mellora e asesoramento técnico continuado. Do mesmo xeito determinarán áreas xeográficas e canles de venda, métodos de captación de clientes, melloras informáticas ou estratexias de márketing dixital.