Deputación de Lugo

A Deputación suma o apoio doutras 23.500 persoas á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

- Fíxoo tras sumar a GADIS á súa campaña de sensibilización cidadá e levar os libros oficiais da UNESCO a 51 establecementos en Lugo e Ourense deste grupo empresarial galego- O organismo provincial continúa recompilando apoios a través das 12.000 mulleres de FADEMUR en Galicia, co autobús rotulado coa Ribeira Sacra e mediante o Barco Muralla- A cifra de rúbricas medra día tras día logo de superar as 10.000 nos 13 Concellos lugueses da Ribeira Sacra e na capital luguesa onde a Deputación iniciou esta iniciativa

A Deputación de Lugo acadou o apoio doutras 23.500 persoas á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Fíxoo logo de sumar a GADIS á súa campaña de recollida de sinaturas en impulso desta declaración. Isto supuxo que, dende xuño e ata agosto, 51 establecementos en Lugo e Ourense deste grupo empresarial galego (32 lucenses e 10 ourensáns) contasen con libros oficiais da UNESCO.

A cifra de rúbricas en apoio á declaración da Ribeira Sacra medra día tras día. Ó igual que GADIS, o organismo provincial tamén conseguiu que as 12.000 mulleres en toda Galicia que forman parte de FADEMUR se sumasen a súa campaña de sensibilización cidadá. Este colectivo está a recompilar novos apoios á candidatura a través de Son de campo, unha iniciativa da asociación en impulso do rural galego. 

O Barco Muralla da Deputación, co libro oficial da UNESCO, está a percorrer a provincia luguesa, aproveitando a celebración de multitudinarias citas para dar conta da riqueza da Ribeira Sacra, así como doutros espazos naturais da provincia. Esta aula turística-medioambiental acadou a visita de 4.000 persoas durante a súa estancia na Festa do Bonito e PRODUART de Burela, no San Lourenzo de Foz, así como en Guitiriz e no Incio. Esta fin de semana recalará nas patronais de Monforte de Lemos. En total, ó longo desta tempada, amarrará en máis de 70 localidades luguesas, sumando novos apoios.

O organismo provincial puxo en marcha a campaña de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra no mes de outubro. Un autobús rotulado con este espazo natural partiu entón da cidade de Lugo, aproveitando o San Froilán, e estivo nos 13 Concellos lugueses que integran a Ribeira Sacra, nos que máis de 10.000 persoas asinaron no libro oficial da UNESCO. Estes municipios son o seguintes: A Pobra do Brollón, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda. O autobús rotulado coa Ribeira Sacra, que recentemente voltou ó municipio chantadino con motivo da celebración do I Trofeo da Ribeira Sacra da Subida a Chantada, segue co seu percorrido, reunindo máis apoios.