Deputación de Lugo

A mostra gratuíta Lo Sexual y Lo Sagrado  recibe nun mes máis de 500 visitas na Capela de Santa María

- A exposición, que reúne preto de 40 pezas do artista galego José Ortiz, continúa aberta ata o 31 de agosto, nos horarios habituais da sala: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas - Ortiz pretende que “as súas obras despexen a controversia do que é correcto e o que non” e espertar provocación e reflexión nos visitantes. Este é o motivo polo cal pon á disposición de todos os que se acheguen á Capela un folleto no que poder escribir as súas impresións

A Capela de Santa María acolle a mostra de acceso gratuíto Lo Sexual y Lo Sagrado, do artista galego José Ortiz que, por primeira vez, expón o seu traballo en Lugo reunindo unhas corenta pezas de poliéster, madeira, latón, pan de ouro, recortes de prensa, óleo, bronce pedra, gres, ferro, lapis pastel, lapis sobre taboleiro, etc. A temática sexual define esta exposición coa que o autor trata de “liberar ó sexo dos seus medos e situalo nun lugar que lle outorgue o respecto que se lle nega”. Ortiz emprega a arte erótica como revulsivo “deixando de lado o tabú ou o problema do sexo na sociedade”. Pretende que “as súas obras despexen a controversia do que é correcto e o que non, do que é bo e do que é malo”, ó tempo que persegue espertar provocación e reflexión nos visitantes. Este é o motivo polo cal Ortiz pon á disposición de todos os que se acheguen á Capela un folleto no que poder deixar as impresións escritas.

O “Becerro de Ouro” é a peza clave desta exposición. Elaborado en poliéster, madeira, latón, pan de ouro e recortes de prensa, esta creación representa a idolatría. Ortiz relaciona cada peza da colección coa relixión, o eido místico e o ascetismo.

A mostra Lo Sexual y Lo Sagrado continuará aberta ata o 31 de agosto, co seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.