Deputación de Lugo

A Deputación renova a súa colaboración cos pescadores e marisqueiras da provincia

- A Deputación de Lugo vén de asinar novamente un convenio anual de máis de 20.000 euros en axudas directas a todas as cofradías de pescadores e asociacións de mariscadoras da provincia para o apoio e impulso da súa actividade- Méndez destacou que “o sector xera na provincia máis de 1.600 empregos directos e ofrece innumerables posibilidades de aumentar o seu volume de negocio e postos de traballo, como a elaboración e comercialización de novos produtos a través de novas canles de mercado”- A institución provincial destina outras axudas ó sector, como máis de 8.000 euros destinados á eventos como a Feira Produart de Burela ou a do Berberecho de Foz, ou un convenio de 30.000 € coa USC para un proxecto pioneiro que permitirá obter novos derivados do bonito e a da pescada

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, estivo hoxe en Viveiro para renovar a sinatura do convenio anual que a institución provincial mantén con todas as cofradías de pescadores e asociacións de mariscadoras da provincia, e co que 21.000 euros. As axudas, de 3.000 euros, supoñen un importante apoio e impulso para o desenvolvemento da súa actividade.

No acto de sinatura, que contou coa presenza da Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; tomaron parte todos os representantes do sector: Javier Sánchez; Juan José Lestegás; Domingo Rey; José Basilio Otero e María Faustina Solloso, presidentes das cofradías de San Cibrao, Foz, Celeiro e Burela e O Vicedo, respectivamente, xunto con Isabel Fernández Armesto, Presidenta da Asociación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros, os que quixeron agradecer á Deputación a renovación destas axudas.

Méndez subliñou que “un ano máis, a Deputación renova o seu apoio ó sector pesqueiro e marisqueiro da provincia sen matices: todas as cofradías e asociacións marisqueiras reciben a mesma axuda”. A Vicepresidenta quixo destacar o papel do mar na economía luguesa, “un destacado piar da economía da Mariña e de toda a provincia”. Nesta liña, destacou que o sector pesqueiro “xera na nosa provincia, só de xeito directo, máis de 1.600 postos de traballo”, segundo os datos de afiliación da Seguridade Social do mes de xullo, “e ofrece innumerables posibilidades de aumentar volume de negocio e postos de traballo, como por exemplo a elaboración e comercialización de novos produtos a través de novas canles de mercado; proxectos que permitan a innovación das industrias transformadoras, etc.”.

A Vicepresidenta tamén quixo reivindicar a actividade do marisqueo na Mariña que, malia que nos últimos anos ten sufrido un importante retroceso, nos que os “pérmex” –permisos de marisqueo-, reducíronse nun 40%, “pode, e ten, que recuperar o peso perdido”.

Pola súa banda, María Loureiro agradeceu a axuda da Deputación, salientando a súa importancia, especialmente no caso do sector pesqueiro, “que tantos postos de traballo xera na Comarca”.

Outras axudas
Este convenio que Deputación e os profesionais do mar asinan cada ano non é a única mostra da aposta dos responsables do organismo provincial lugués polo sector, xa que a estes 21.000 euros hai que sumar outro tipo de colaboracións económicas para, por exemplo, a promoción dos produtos do mar, como os máis de 8.000 euros en axudas directas para a organización de eventos como a Feira Produart ou a Festa do Berberecho de Foz. Este tipo de eventos, segundo destacou Méndez “contribuír con este tipo de eventos é contribuír a dar a coñecer, entre lucenses e visitantes, os produtos de calidade e o bo facer dos profesionais do mar da nosa provincia”

Innovación do sector

Outra das iniciativas da Deputación de Lugo encamiñadas ó impulso e modernización do sector é o convenio de 30.000 euros, asinado coa Universidade de Santiago de Compostela, para poñer en marcha, o pasado mes de xaneiro, dun proxecto de investigación pioneiro que permitirá obter novos derivados do bonito e a da pescada, ofrecendo alternativas laborais e incrementando o volume de negocio destes produtos. Rematada xa a fase de investigación, e unha vez analizados os resultados, o proxecto continuará coa celebración de obradoiros gratuítos para desempregados, que se impartirán en Burela e Viveiro, e nos que os participantes recibirán coñecementos prácticos necesarios para a súa inserción laboral nas novas actividades nacidas desta investigación.